Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SHOWCOOKINGS PROFESIONAIS CON IÑAKI BRETAL ESTRELLA MICHELÍN 2021 E MIGUEL A. CAMPOS PRESIDENTE DO GRUPO NOVE

O PROXECTO PESCA DE COSTA, actuación conxunta na que participa a CONFRARÍA DE PESCADORES DE CEDEIRA e o CONCELLO DE CEDEIRA ten como obxectivo promocionar e darlle visibilidade a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, e implicar neste obxectivo ao sector hostaleiro da vila.

Sendo a finalidade do proxecto a interrelación dos sectores máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro póñense en marcha dous showcooking profesionais nos que se destacará a importancia dos produtos da pesca de baixura e do marisqueo propio da vila.

Estes eventos desenvolveranse neste mes de xuño en dúas convocatorias de demostracións gastronómicas dirixidas a profesionais da hostalería. A primeira arranca o martes 15 a cargo de Iñaki Bretal Estrela Michelín 2021 e a segunda celébrase o mércores 16 e impartirase por Miguel A. Campos Presidente do Grupo Nove. Ambos showcooking que se celebran na Confraría de Pescadores de Cedeira de 17:30 a 19:30h, poñerase en valor a cociña autóctona en base á cualificación dos seus profesionais, e coa premisa da garantía da trazabilidade da extracción e comercialización.

Da man de Iñaki Bretal e de Miguel A. Campos, os hostaleiros recibirán unha formación teórico- práctica na que se comezará explicando os procesos de extracción, o control da calidade, a garantía da trazabilidade, e continuarase coa conceptualización e elaboración de propostas en base a produtos da pesca de costa e do marisqueo.

O propósito destas xornadas profesionais é que as ideas dos pratos que se elaboren sexan adoptadas despois como propias e se inclúan na oferta gastronómica dos establecementos participantes. Enriquecendo deste xeito por unha parte a oferta da súa carta e menú, e por outra o prestixio da cociña local, facendo dos profesionais transmisores do sabor e a frescura da pesca do día.

Con estes showcooking dedicados a hostalería, os cociñeiros locais farán unha interpretación xunto coa súa propia marca das ideas que tanto Iñaki Bretal como Miguel A. Campos lles amosen durante as xornadas. As creacións culinarias dos profesionais da hostalería de Cedeira converteranos en difusores da excelencia, calidade e sabor dos produtos da pesca de costa e do marisqueo da vila.