Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CÁNDIDO PAZÓ BOTARÁ A LINGUA A PASTAR ESTE SÁBADO NO LOCAL SOCIAL DE SAN ROMÁN

O local social da Asociación de Veciños de San Román vai acoller este sábado o último espectáculo do ciclo Cantos e Contos ao Solpor. Correrá a cargo do vigués Cándido Pazó, un prolífico autor, actor e narrador oral que traerá a Cedeira a función titulada Botando a lingua a pastar. A cita será ás 19.00 horas.

Neste espectáculo, Cándido Pazó mestura contos da tradición oral con historias de creación propia, salpicando o seu monólogo con comentarios sobre a lingua galega, sempre desde o humor e a empatía, mecanismos de conexión co público.

É o terceiro e último dos espectáculos do ciclo Cantos e Contos ao Solpor, un programa xa tradicional no final do verán cedeirés.

CEDEIRA VAI HABILITAR NA SERRA DA CAPELADA A PRIMEIRA VÍA FERRATA DE GALICIA

A Serra da Capelada vai contar en breve coa primeira vía ferrata de Galicia, unha instalación deportiva que facilita a práctica da escalada a persoas non iniciadas en dita práctica. Segundo informou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, o goberno local confía no éxito que vai ter este novo recurso para a dinamización do turismo na zona, concretamente para o ocio activo ou de aventura, coa vantaxe de que non existen outras ferratas na comunidade e co atractivo indubidable das espectaculares paisaxes que acompañarán o percorrido pola Capelada.

A empresa Tierra&Ferrol Mountain Logistics encargarase da subministración e colocación dos elementos que compoñen a ruta por un orzamento de 17.998€ (IVE incluído), despois de presentar o prezo máis vantaxoso e de ofrecer, a maiores, a realización dun informe de certificación coa realización de probas de tracción aos diferentes elementos.

As vías ferrata son itinerarios por paredes verticais ou horizontais, nos que se colocan oportunamente banzos, cravos, grampas, pasamáns, cadeas, pontes ou tirolinas coas que as persoas que realizan a ruta poden progresar, sempre suxeitas cun cable de vida e equipadas co arnés, casco e outros aparellos necesarios. Trátase dun tipo de instalación deportiva que comezou a ter moita sona nos últimos anos e que representa un atractivo para o turismo activo e de aventura.

Segundo subliñou Moreda Gil, a vía ferrata “é unha peza máis que vai sumar forzas no proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, o marco no que o Concello de Cedeira está a traballar, xunto aos outros seis implicados, para o desenvolvemento do turismo e o desenvolvemento sostible”. Este roteiro de escalada pola Capelada será outra forma máis de que a xente coñeza e valore as condicións xeolóxicas extraordinarias da zona e goce dunha experiencia diferente, afastada dos circuítos turísticos máis masificados.

A vía terá dous itinerarios, con diferentes niveis de dificultade, nos que haberá paneis informativos e explicativos para as persoas que acudan a realizalos. Coa vía ferrata, o Concello de Cedeira fai unha aposta máis pola diversificación da oferta deportiva no municipio, á que se une o parque de calistenia que se instalou este verán e o skatebowl que se está a construír.

O CONCELLO ACOLLE CON OPTIMISMO O IMPULSO QUE A SERIE RAPA DARÁ AO SECTOR TURÍSTICO DA ZONA

A vila de Cedeira está a acoller a rodaxe da serie Rapa, un thriller de suspense en seis capítulos que se desenvolve principalmente en escenarios da localidade e tamén de Ferrol, con Javier Cámara e Mónica López como protagonistas. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, agradeceu á produtora a elección de Cedeira para a realización deste proxecto cinematográfico, “a través do cal de seguro moitas persoas van sentirse atraídas polas nosas espectaculares paisaxes”. Moreda puxo como exemplo a serie Hierro que o mesmo equipo lanzou en 2019 e as positivas consecuencias que esta está a ter no sector turístico daquela illa.

Rapa é unha serie creada por Pepe Coira e Fran Araújo para a plataforma Movistar+, realizada en colaboración coa produtora Portocabo. É o mesmo equipo que fixo a serie Hierro, de enorme éxito –foi a máis vista neste ano en Movistar+- e cun demostrado impacto na dinamización económica e turística da illa. A través da trama, a produción amosou as tradicións máis arraigadas daquel territorio e tras a súa emisión constatouse un incremento do número de visitantes. Dunha banda aumentou o turismo interior e, doutra, coa emisión da serie en Francia, Suiza e Alemania, tamén creceron os visitantes destes países. O tirón de Hierro fixo, de feito, que se teña creado xa unha ruta guiada polas localizacións dos diferentes capítulos.

Con este precedente, Moreda Gil expresou o devezo do goberno local de que Rapa poida ser un escaparate internacional das espectaculares paisaxes de Cedeira e tamén das súas tradicións máis ancestrais e contribúa a dinamizar a economía local. O Concello está a brindar o apoio loxístico preciso á produtora, entre outras cousas prohibindo o estacionamento nos lugares de grabación, e colaborou xa previamente con ela na localización de exteriores para a rodaxe. O gran número de veciños e veciñas da propia vila que se presentou hai un par de meses ao casting para participar como extras na serie permitía albiscar o grande interese e expectación que está a xerar a presencia do equipo en Cedeira.

Por último, desde o Concello agradecen que Portocabo e Movistar+ vaian celebrar no Auditorio Municipal de Cedeira a rolda de prensa de presentación de “Rapa” o vindeiro día 5 de outubro, un acto no que estarán os produtores e o equipo principal da serie.