Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA SOLICITA A REVERSIÓN DUNHA FRANXA DE 4.830M2 DE TERREOS DO DOMINIO PORTUARIO

O Concello de Cedeira ten solicitado recentemente a declaración de innecesariedade dunha franxa litoral de 4.830m2 que forma parte do dominio público portuario. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a Fegamp e Portos estableceron hai uns meses a canle e os criterios polos que determinadas zonas poden pasar a mans dos concellos e na localidade están neste caso o tramo de paseo situado á dereita do último tramo do río Condomiñas, desde a praza da Marieta ata a Ponte Nova, e tamén os xardíns que seguen a liña de costa cara ao Camiño Area Longa.

Na propia DEUP (Delimitación de Usos de Espazos Portuarios) cualifícase dita franxa de terreo como de “uso non estritamente portuario”. Xunto con iso, e cumprindo cos criterios que Portos estableceu para a declaración de innecesariedade, trátase de zonas axardinadas, alonxadas da actividade portuaria e nas que non existe ningún título administrativo que regule a súa ocupación – como podería ser unha concesión-. De feito, tal como recordou o alcalde, o Concello xa se fai cargo de todos os traballos de mantemento desta zona, tanto en limpeza como iluminación, arranxo dos xardíns, etc.

O feito de que a zona dependa de Portos obriga a pagarlle as taxas a este organismo tanto por usos privados, como son as terrazas dos negocios de hostalería, como públicos, por exemplo a celebración dun mercadillo ou unha festa. Dado que o seu uso é totalmente civil e non afecta á actividade pesqueira ou portuaria en absoluto, incidiu o alcalde, “parece lóxico que estes terreos estean da man do Concello, a referencia más próxima do cidadán, e podamos facer uso deles como do resto da zona urbana”.

O CONCELLO PORÁ EN VALOR O CONXUNTO DE OBXECTOS DA HISTORIA DE CEDEIRA RECOLLIDOS POR RAFAEL USERO

O pleno da corporación cedeiresa aprobou por unanimidade aceptar a doazón por parte do cronista oficial, Rafael Usero González, dunha colección de obxectos que reuniu ao longo da súa vida, para poñela en valor a través dunha exposición permanente que o público poderá visitar no Palacete Municipal. A concelleira de Cultura, Ermitas García, expresou o agradecemento do grupo de goberno e tamén do resto dos grupos políticos, xa que así se puxo de manifesto na sesión plenaria, polo traballo e dedicación deste profesor de Historia xubilado, que desde moi novo estivo interesado polo pasado de Cedeira e que contribuiu de forma moi importante ao seu coñecemento.

Tal como explicou Ermitas García, cando daba clases de historia no IES Punta Candieira, como tamén nos anos transcurridos desde a súa xubilación, Rafael Usero adicouse con paixón a investigar a historia da vila, sobre a que ten publicado varios libros e moitos artigos. Froito dese labor foi xuntando obxectos que se gardaban nas casas e que o alumnado e a veciñanza foi levándolle, moitos deles machados prehistóricos, ferramentas que se conservaron porque a xente lles atribíu propiedades máxicas. De feito, o conxunto de pezas da colección que corresponde á prehistoria é quizais a máis interesante, segundo comentou a concelleira, aínda que no catálogo encontramos obxectos moi variados de diferentes épocas.

A intención do goberno local, tal como aprobou o pleno, é facer agora un inventario de todos os elementos doados ao patrimonio municipal por Rafael Usero, co detalle da identificación e do valor artístico ou histórico de cada un, cara á apertura da exposición permanente. Segundo explicou Ermitas García, é probable que deste traballo saia primeiro a mostra de obxectos da prehistoria, que se espera abrir nuns meses, e que despois vaian expoñéndose outros conxuntos de elementos a medida que avance o traballo.

RECUPERACIÓN DO RÍO CONDOMIÑAS

O concello continúa a traballar no proxecto de acondicionamento ambiental do curso medio do río Condomiñas, coa finalidade de recuperar zonas degradadas ou inaccesibles e de crear unha senda fluvial que poña en valor o importante recurso natural e paisaxístico existente.

Actualmente hai zonas de servidume co paso imposibilitado por muros, pastores eléctricos etc, polo que se pide a colaboración de todas as persoas propietarias para que eliminen os obstáculos a unha distancia de 5 metros das marxes do curso fluvial.

De igual xeito, quérese destacar a valiosa colaboración da Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira e do Clube Candieira, pola súa intensa implicación nos traballos de recuperación do río.