Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA SOLICITA A REVERSIÓN DUNHA FRANXA DE 4.830M2 DE TERREOS DO DOMINIO PORTUARIO

O Concello de Cedeira ten solicitado recentemente a declaración de innecesariedade dunha franxa litoral de 4.830m2 que forma parte do dominio público portuario. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a Fegamp e Portos estableceron hai uns meses a canle e os criterios polos que determinadas zonas poden pasar a mans dos concellos e na localidade están neste caso o tramo de paseo situado á dereita do último tramo do río Condomiñas, desde a praza da Marieta ata a Ponte Nova, e tamén os xardíns que seguen a liña de costa cara ao Camiño Area Longa.

Na propia DEUP (Delimitación de Usos de Espazos Portuarios) cualifícase dita franxa de terreo como de “uso non estritamente portuario”. Xunto con iso, e cumprindo cos criterios que Portos estableceu para a declaración de innecesariedade, trátase de zonas axardinadas, alonxadas da actividade portuaria e nas que non existe ningún título administrativo que regule a súa ocupación – como podería ser unha concesión-. De feito, tal como recordou o alcalde, o Concello xa se fai cargo de todos os traballos de mantemento desta zona, tanto en limpeza como iluminación, arranxo dos xardíns, etc.

O feito de que a zona dependa de Portos obriga a pagarlle as taxas a este organismo tanto por usos privados, como son as terrazas dos negocios de hostalería, como públicos, por exemplo a celebración dun mercadillo ou unha festa. Dado que o seu uso é totalmente civil e non afecta á actividade pesqueira ou portuaria en absoluto, incidiu o alcalde, “parece lóxico que estes terreos estean da man do Concello, a referencia más próxima do cidadán, e podamos facer uso deles como do resto da zona urbana”.