Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

TRÉMOLA TEATRO ACTÚA MAÑÁ PARA O PÚBLICO INFANTIL E A RONDALLA CELEBRA O DOMINGO O SEU FESTIVAL DE INVERNO

As crianzas de seis meses a catro anos son as destinatarias da obra de teatro Que animaliño é? que a compañía Trémola Teatro representará hoxe sábado, ás 19.00 horas, no Auditorio de Cedeira. O mesmo escenario acollerá o domingo, á mesma hora, o Festival de Inverno da Rondalla de Cedeira, no que, xunto coa agrupación organizadora, participarán As Aturuxeiras, un grupo de mulleres maiores de 55 anos que interpretan cancións populares galegas sempre cargadas de bo humor.

As actrices Paula Regueiro e Lucía L. Golá forman Trémola Teatro, compañía especializada en espectáculos para o público infantil. Nesta peza que van interpretar en Cedeira contan a aventura dunha nena, Paula, que recibe como agasallos un conto sobre animais e un xilófono. Cando vai tocar unha canción, a música fai que os debuxos cobren vida e empece un xogo no que se trata de recoñecer quen está aí a través de elementos sensoriais como bólas de la, burbullas de xabón, confeti, sons…

Por outra banda, a cafetería do Auditorio de Cedeira acollerá tamén hoxe, ás 20.00 horas, a presentación do oitavo número da revista Terras de Ortegal de estudos locais.

O GOBERNO CENTRAL ADXUDICOU O PLAN DE BANDA ANCHA PARA O RURAL QUE BENEFICIARÁ AO MUNICIPIO DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira celebra que o municipio estea entre os máis de 4.500 en España nos que se vai estender a banda ancha de moi alta velocidade, tal como fixo público hai poucos días o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital coa resolución definitiva do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO). O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, comentou que a pandemia puxo de relevo unha vez máis a desvantaxe das zonas rurais canto á cobertura de internet se refire e eloxiou que este asunto sexa precisamente unha prioridade do Plan de Recuperación do Goberno central.

Tal como se informou no seu momento, en xuño pasado o Concello de Cedeira consultou á veciñanza e trasladou ao Ministerio información detallada sobre algúns puntos con baixa conectividade, que se sumaron aos que xa estaban localizados no municipio, precisamente para que se incluíran neste programa. Agora, o Ministerio acaba de publicar unha resolución na que se adxudica a tres operadores a despregadura da banda ancha en puntos con baixa cobertura de 4.516 municipios en España.

A maioría deses puntos son “zonas brancas”, é dicir, que contan con menos de 30 Mbps (megabit por segundo), e o resto son “grises”, aquelas que non chegan aos 100Mbps. O desenvolvemento das novas infraestruturas garantirá unha velocidade superior aos 100 megabits por segundo. As operadoras adxudicatarias dos 52 proxectos que se van desenvolver en toda España van investir 479.456.480 euros e recibirán axudas por valor de 249.930.122 euros do Goberno.

O despregamento nos puntos de baixa cobertura de Cedeira correrá a cargo de Telefónica, dentro do proxecto adxudicado para a provincia da Coruña, no que está previsto investir 4.469.994 euros, dos que o 78% será custeado coas axudas públicas.

Moreda Gil celebrou a boa nova e subliñou que unha rápida conexión de internet é un factor que contribuirá a atraer poboación e ofrecerá novas oportunidades para a formación e para o traballo dos veciños e veciñas da zona, sen que residir nunha zona rural teña que constituír unha marxinación neste sentido.

PROXECTO “VALORIZACIÓN DA ACTIVIDADE PESQUEIRA E MARISQUEIRA E DOS SEUS ESPAZOS EXTRACTIVOS NO LITORAL DE CEDEIRA. CEDEIRA MAR”

O proxecto “VALORIZACIÓN DA ACTIVIDADE PESQUEIRA E MARISQUEIRA E DOS SEUS ESPAZOS EXTRACTIVOS NO LITORAL DE CEDEIRA. CEDEIRA MAR (GALP1-204) está impulsado polo Concello de Cedeira, para valorizar o labor marisqueiro e dignificar os oficios mariñeiros a través de accións de sensibilización.

CEDEIRA MAR está a realizarse grazas ás axudas que a Unión Europea ofrece, no marco do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), e que a Consellería do Mar aprobou para os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

  • Coste total do proxecto (subvencionable + non subvencionable): 81.009,50 €
  • Coste subvencionable do proxecto (inversión pública + inversión privada): 79.396,16 €
  • Total axuda pública aprobada (€): 79.396,16 €
  • % Subvención: 100

Obxectivo xeral:

Valorización do labor marisqueiro e dignificación do seu oficio, mediante a execución de diversas accións de sensibilización dirixidas a escolares e público en xeral.

Obxectivos específicos:

Realizar accións de sensibilización dirixidas a diferentes públicos (alumnado, público adulto) e visibilizar a actividade extractiva no municipio mediante dispositivos informativos sobre os produtos mariños (percebe, coquina, longueirón, ameixa, berberecho, ostra rizada…), os sistemas de extracción artesanal e a biodiversidade no litoral.

Para acadar estes obxectivos, levaranse a cabo as seguintes actuacións, ao longo de 2021 e 2022: