Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO CENTRAL ADXUDICOU O PLAN DE BANDA ANCHA PARA O RURAL QUE BENEFICIARÁ AO MUNICIPIO DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira celebra que o municipio estea entre os máis de 4.500 en España nos que se vai estender a banda ancha de moi alta velocidade, tal como fixo público hai poucos días o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital coa resolución definitiva do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO). O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, comentou que a pandemia puxo de relevo unha vez máis a desvantaxe das zonas rurais canto á cobertura de internet se refire e eloxiou que este asunto sexa precisamente unha prioridade do Plan de Recuperación do Goberno central.

Tal como se informou no seu momento, en xuño pasado o Concello de Cedeira consultou á veciñanza e trasladou ao Ministerio información detallada sobre algúns puntos con baixa conectividade, que se sumaron aos que xa estaban localizados no municipio, precisamente para que se incluíran neste programa. Agora, o Ministerio acaba de publicar unha resolución na que se adxudica a tres operadores a despregadura da banda ancha en puntos con baixa cobertura de 4.516 municipios en España.

A maioría deses puntos son “zonas brancas”, é dicir, que contan con menos de 30 Mbps (megabit por segundo), e o resto son “grises”, aquelas que non chegan aos 100Mbps. O desenvolvemento das novas infraestruturas garantirá unha velocidade superior aos 100 megabits por segundo. As operadoras adxudicatarias dos 52 proxectos que se van desenvolver en toda España van investir 479.456.480 euros e recibirán axudas por valor de 249.930.122 euros do Goberno.

O despregamento nos puntos de baixa cobertura de Cedeira correrá a cargo de Telefónica, dentro do proxecto adxudicado para a provincia da Coruña, no que está previsto investir 4.469.994 euros, dos que o 78% será custeado coas axudas públicas.

Moreda Gil celebrou a boa nova e subliñou que unha rápida conexión de internet é un factor que contribuirá a atraer poboación e ofrecerá novas oportunidades para a formación e para o traballo dos veciños e veciñas da zona, sen que residir nunha zona rural teña que constituír unha marxinación neste sentido.