Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O DÍA 14 ÁBRESE O PRAZO PARA OFERTAR CURSOS RELACIONADOS COA ÁREA DE CULTURA

Coa finalidade de organizar dende a Concellería de Cultura a oferta formativa durante o primeiro semestre do ano, ábrese prazo no período comprendido entre os día 14 e 21 de xaneiro, ambos inclusive, mediante a publicación do presente anuncio na páxina web municipal, para que as persoas ou entidades interesadas en ofertar cursos relacionados coa área de Cultura a través do Concello ao longo do período febreiro/xuño de 2022 presenten as súas propostas no rexistro xeral do concello ou a través da sede electrónica.

Ditas propostas deberán indicar:

  • Nome do curso:
  • Breve curriculum da persoa que impartirá o curso:
  • Obxectivos: Destrezas que poderá adquirir o alumnado ao longo do curso.
  • Contidos: Temas a tratar.
  • Temporalización: Número de sesións totais e distribución temporal en sesións por semana e número de semanas.
  • Ratio: Nº de persoas por grupo. Nº de grupos aos que se pode atender.
  • Espazo: Descripción do espazo necesario para o desenvolvemento do curso.
  • Material necesario para a participación do curso, indicando se vai ser aportado polo profesorado ou o debe adquirir o alumnado.
  • Orzamento total.
  • Sinatura e dni do interesado.

Haberá un prazo de prematrícula para decidir os cursos que se van impartir no período comprendido entre febreiro e xuño (ambos incluídos)

As persoas que desexen matricularse deberán facelo nas oficinas municipais ou oficina de turismo e pagar as tasas municipais establecidas.

Os casos exentos de pago deberán presentar a documentación oportuna no momento da matrícula.

O Concello fará pública a listaxe de posibles cursos e unha vez realizadas as preinscricións fará públicos os cursos finalmente ofertados.

O GALP RECUPERA A TRADICIÓN DA CARPINTERÍA DE RIBEIRA DA ZONA DA MARIÑA ORTEGAL CUN VÍDEO

O GALP A Mariña Ortegal presentou o pasado mércores en Foz o vídeo “Historia dos estaleiros da Mariña Ortegal”, no que se afonda, a través de diferentes testemuños, na tradición que atesoura a zona na construción de diferentes embarcacións. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou no acto en calidade de vicepresidente do GALP.

O vídeo, que pode verse na web http://www.estaleirosmarinaortegal.aptv.es/ conta, entre outros, cos testemuños de José Antonio Rodríguez Arribe (coñecido como José de Vigo) e Vicente Rey Vilarelle, que falan no Museo Mares de Cedeira sobre a súa propia experiencia e relación coa carpintería de ribeira e sobre os elementos, entre eles un banco de traballo e diferentes embarcacións, que están expostas ao público neste museo.

VÍDEO PROMOCIONAL DO CAMIÑO DO MAR, A ÚNICA RUTA DE PEREGRINACIÓN QUE UNE TEIXIDO E COMPOSTELA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou o pasado xoves, en calidade de vicepresidente do GALP A Mariña Ortegal, na presentación dun vídeo promocional do Camiño do Mar. O documental, que pode verse a través do link https://www.youtube.com/watch?v=ty-HN8HXqns, pon en valor os atractivos paisaxísticos, gastronómicos e culturais desta variante do Camiño do Norte, que vai de Ribadeo a Valdoviño e que enlaza en Ferrol co Camiño Inglés a Compostela.

O acto tivo lugar en Burela e contou tamén coa participación do alcalde desta localidade, Alfredo Llano; o cronista oficial de Foz, Xosé Ramón Fernández Pacios, e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño do Mar, Manuel Vicente.

A ermida de Santo André de Teixido, A Capelada e a praia da Madalena aparecen neste vídeo, no que se suceden portos, praias, faros, rías, cantís e fervenzas do percorrido. Entre outras imaxes, están as de Ribadeo, Rinlo e a Praia das Catedrais; os areais de Barreiros, San Estevo do Ermo e A Espiñeira; a Basílica de San Martiño e o Castro de Fazouro en Foz; o porto de Burela e as pinturas da Igrexa da Vila do Medio; o Paseo dos Namorados de Sargadelos e a ría e faro de San Ciprián; os cantís de Morás, Portocelo e San Tirso en Xove; a praia de Area, a ría de Viveiro e os Castelos de Covas; a Igrexa de Riobarba, a Ponte do Porto e Fuciño do Porco no Vicedo; os miradores do río Sor, Vares e O Barqueiro en Mañón; a ría de Ortigueira, o banco de Loiba, Couzadoiro e a fervenza do Casón; o cabo Ortegal, Sismundi e a praia da Concha en Cariño; así como os devanditos lugares de Cedeira para rematar a viaxe en Valdoviño coas imaxes da capela da Virxe do Porto e as praias de Pantín e a Lagoa de A Frouxeira.

Desde o Concello de Cedeira, o goberno local celebra a promoción e o recoñecemento deste itinerario de peregrinación precisamente cando se está a celebrar o Ano Xacobeo e recordan que é un elemento que reforza o interese turístico da zona, ao tempo que ofrece unha ruta pouco masificada e con indubidables atractivos, entre os que destaca o feito de que é a única ruta na que están os dous únicos lugares de peregrinación de Galicia, Santo André de Teixido e Compostela.

Historia dos estaleiros

O día anterior, mércores, Moreda Gil participou, tamén en calidade de vicepresidente do GALP, na estrea do vídeo “Historia dos estaleiros da Mariña Ortegal” que se celebrou en Foz.

O vídeo, que pode verse na web http://www.estaleirosmarinaortegal.aptv.es/ afonda, a través de diferentes testemuños, na tradición que atesoura a zona na construción de diferentes embarcacións. Conta, entre outros, cos testemuños de José Antonio Rodríguez Arribe (coñecido como José de Vigo) e Vicente Rey Vilarelle, que falan no Museo Mares de Cedeira sobre a súa propia experiencia e relación coa carpintería de ribeira e sobre os elementos, entre eles un banco de traballo e diferentes embarcacións, que están expostas ao público neste museo.