Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CONCELLO E CENTROS EDUCATIVOS DE CEDEIRA ÚNENSE PARA INZAR DE LITERATURA GALEGA OS ESPAZOS PÚBLICOS DA VILA

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Cedeira vén de poñer en marcha coas Equipas de Normalización do CEIP Nicolás do Río e do IES Punta Candieira o proxecto “Literarrúa”. É unha iniciativa dirixida a inzar de versos e literatura en galego as rúas e espazos públicos do municipio, involucrando ao alumnado na procura dos textos que mellor concorden con cada lugar para plasmalos, no lugar e da maneira máis axeitada en cada caso, na parede, no chan ou ben cunha placa.

A idea é pescudar na literatura galega, ben sexa prosa ou poesía, aqueles textos que teñan relación co topónimo do lugar elixido. Así, o profesorado presentará ao alumnado o reto de escoller os versos ou frases que irían na praza Rosalía de Castro, a de Galicia, a rúa Estrela, a praza do Peixa, a rúa República ou a da Paz, por exemplo.

Apuntan desde o goberno local que “Literarrúa” non quere limitarse ao casco urbano, senón que nace co devezo de chegar a todas as parroquias de Cedeira, introducindo a literatura galega na vida cotiá da veciñanza. Tampouco teñen que ter os textos unha relación directa co nome do lugar, sinalan, podendo aludir a vida e historia do rural galego, por exemplo.

Na fase final do proxecto, os versos seleccionados plasmaranse nos lugares seleccionados de diversas formas, nunha parede, no chan, nunha placa…. tendo en conta as características do lugar e intentando facer partícipes aos nenos e nenas, así como ao profesorado, dun traballo realizado en equipo e que lucirá ao longo do tempo nos espazos públicos do concello.

Cómpre recordar os versos de Rosalía de Castro “Brilá, raio da aurora…”, da súa obra “Follas Novas”, que xa adornan a fachada lateral da biblioteca municipal López Cortón, xunto coa faciana da poeta, iniciativa que configurou un dos recunchos máis singulares do casco vello de Cedeira.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O CONCELLO DE CEDEIRA SEGUE A AVANZAR NA INSTALACIÓN DA REDE SEPARATIVA DE SANEAMENTO NO CASCO URBANO

O Concello de Cedeira vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o prego de contratación das obras de mellora das rúas Viveiro e Cerdido, un proxecto que conta con financiación do Plan Complementario da Deputación da Coruña e que, como o recentemente publicado para a rúa María Mediadora, vai encamiñado a avanzar na implantación da rede separativa de saneamento no casco urbano. A actuación conta dun orzamento de 41.951,62€ e as empresas interesadas en presentar unha oferta teñen ata o día 5 de febreiro de prazo para facelo.

A rúa Viveiro, paralela a Amor Hermoso, conta actualmente cunha rede unitaria de saneamento. A actuación abrangue toda este vial e tamén parte da transversal Cerdido. As obras consistirán na anulación dos sumideiros existentes e na instalación de 257 metros dunha nova rede de recollida de augas pluviais, á que tamén estarán conectadas as baixantes dos edificios, así como dunha nova rede de residuais con 13 pozos de rexistro e dous colectores. O remate dos traballos incluirá a reposición do firme en todo o ámbito de actuación.

A licitación sae polo sistema aberto simplificado e o prazo de execución, unha vez adxudicada a actuación, será de dous meses.

ESPECTÁCULO MUSICAL E TEATRAL ARREDOR DA FORMA E O SON DA TROMPA PARA O PÚBLICO INFANTIL

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, ás 19.00h, o espectáculo musical e teatral “A trompa non só é cousa de elefantes” dirixido aos máis pequenos. A función corre a cargo do cuarteto de trompas Catro Cores, formado por catro mulleres, que van descubrindo sobre o escenario a forma e o son deste instrumento, co que ofrecerán diferentes pezas musicais nun recital pensado para estimular a vista e o oido.

O cuarteto Catro Cores está formado por Aida Lozano, Ana Vergara, a cedeiresa Mónica García Bereijo e Alma Sarasola, catro trompistas con ampla experiencia e que coincidieron tocando nunha orquestra sinfónica. Desde 2014, a súa boa conexión plasmouse neste grupo de cámara, co que levan a música a todo tipo de público.

As entradas estarán á venda por 2,5€ na billeteira, o mesmo sábado, desde media hora antes do comezo do espectáculo. Tamén poden reservarse anticipadamente a través de whatsapp, no número 649 876 614. A obra está incluída na programación da Rede Cultural de Teatros e Auditorios da Agadic.