Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA SEGUE A AVANZAR NA INSTALACIÓN DA REDE SEPARATIVA DE SANEAMENTO NO CASCO URBANO

O Concello de Cedeira vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o prego de contratación das obras de mellora das rúas Viveiro e Cerdido, un proxecto que conta con financiación do Plan Complementario da Deputación da Coruña e que, como o recentemente publicado para a rúa María Mediadora, vai encamiñado a avanzar na implantación da rede separativa de saneamento no casco urbano. A actuación conta dun orzamento de 41.951,62€ e as empresas interesadas en presentar unha oferta teñen ata o día 5 de febreiro de prazo para facelo.

A rúa Viveiro, paralela a Amor Hermoso, conta actualmente cunha rede unitaria de saneamento. A actuación abrangue toda este vial e tamén parte da transversal Cerdido. As obras consistirán na anulación dos sumideiros existentes e na instalación de 257 metros dunha nova rede de recollida de augas pluviais, á que tamén estarán conectadas as baixantes dos edificios, así como dunha nova rede de residuais con 13 pozos de rexistro e dous colectores. O remate dos traballos incluirá a reposición do firme en todo o ámbito de actuación.

A licitación sae polo sistema aberto simplificado e o prazo de execución, unha vez adxudicada a actuación, será de dous meses.