CONCELLO E CENTROS EDUCATIVOS DE CEDEIRA ÚNENSE PARA INZAR DE LITERATURA GALEGA OS ESPAZOS PÚBLICOS DA VILA
A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Cedeira vén de poñer en marcha coas Equipas de Normalización do CEIP Nicolás do Río e do IES Punta Candieira o proxecto “Literarrúa”. É unha iniciativa dirixida a inzar de versos e literatura en galego as rúas e espazos públicos do municipio, involucrando ao alumnado na procura dos textos que mellor concorden con cada lugar para plasmalos, no lugar e da maneira máis axeitada en cada caso, na parede, no chan ou ben cunha placa.
A idea é pescudar na literatura galega, ben sexa prosa ou poesía, aqueles textos que teñan relación co topónimo do lugar elixido. Así, o profesorado presentará ao alumnado o reto de escoller os versos ou frases que irían na praza Rosalía de Castro, a de Galicia, a rúa Estrela, a praza do Peixa, a rúa República ou a da Paz, por exemplo.
Apuntan desde o goberno local que “Literarrúa” non quere limitarse ao casco urbano, senón que nace co devezo de chegar a todas as parroquias de Cedeira, introducindo a literatura galega na vida cotiá da veciñanza. Tampouco teñen que ter os textos unha relación directa co nome do lugar, sinalan, podendo aludir a vida e historia do rural galego, por exemplo.
Na fase final do proxecto, os versos seleccionados plasmaranse nos lugares seleccionados de diversas formas, nunha parede, no chan, nunha placa…. tendo en conta as características do lugar e intentando facer partícipes aos nenos e nenas, así como ao profesorado, dun traballo realizado en equipo e que lucirá ao longo do tempo nos espazos públicos do concello.
Cómpre recordar os versos de Rosalía de Castro “Brilá, raio da aurora…”, da súa obra “Follas Novas”, que xa adornan a fachada lateral da biblioteca municipal López Cortón, xunto coa faciana da poeta, iniciativa que configurou un dos recunchos máis singulares do casco vello de Cedeira.