Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A VILA DE CEDEIRA VIVIU O SÁBADO O DESFILE DE ENTROIDO CON MÁIS PARTICIPACION DOS ÚLTIMOS ANOS

A adversa meteoroloxía destes días non puido coas ganas de troula dos cedeireses e cedeiresas, que o pasado sábado celebraron o desfile de Entroido de máis participación dos últimos anos. Pese a que houbo algunhas baixas respecto ao número de inscricións e a que foi preciso acurtar o percorrido cando comezou a chover, preto de duascentas persoas participaron na comitiva e nas diferentes categorías do concurso e a verbena nocturna propiciou que a xente quedase na vila ata tarde, animando as rúas e os establecementos de hostalería.

A comparsa dos Ratos Costureiros gañou o primeiro premio na súa categoría, na que houbo tamén un segundo premio para Sissiiii Cedeira e Dancing Black Swans do Condomiñas. Na sección de grupos, os tres premios foron para Sanrio, Cantantes dos 80/90 e A Máquina do Misterio. Os terceiros premios das categorías de invidividual e parellas quedaron desertos, pero os dous primeiros foron, respectivamente, para o disfrace de Mércores e o de Animadora, e para Pequenas bolboretas e O Flow dos Crocodilos. En canto aos premios especiais de carrozas e asociaicións, o primeiro foi para os Ratos Costureiros e o segundo para Apader. Cómpre recordar que o Concello elevou este ano o número de premios e a súa dotación, algo que efectivamente contribuiu a elevar a participación.
Desde o goberno local destacan tamén o éxito dos obradoiros que se desenvolveron onte, nos que se propuxeron xogos moi dinámicos que divertiron ao público infantil. Esta tarde continúan as actividades cun espectáculo a cargo dos Jalochos. Será na praza Roxa, ás 17.30h, e a actuación consistirá nun concerto participativo, con percursión corporal e baile, no que as crianzas coñecerán lendas e personaxes tradicionais.

Mañá, martes, a festa de Entroido de Cedeira desplazarase ao Polideportivo Municipal. Alí, a partir das 17.00 horas haberá inchables e obradoiros nos que poderán xogar de balde nenos e nenas.

O programa de Entroido finalizará o mércores 14 co tradicional enterro da sardiña. A praza da Marieta, ás 18.00 horas, será o punto de encontro para comezar os actos funerarios, nos que moitos veciños e veciñas adoitan participar gardando rigoroso loito. O cortexo fúnebre realizará un percorrido polo casco urbano da vila que rematará na praza Roxa, onde terá lugar un breve acto para despedir á sardiña e clausurar o Entroido.

O CONCELLO DE CEDEIRA APROBA OS TRES PROXECTOS DE INVESTIMENTO QUE ACOMETERÁ COS FONDOS DO POS+2024

O pleno da corporación municipal de Cedeira aprobou por unanimidade a proposta de participación no POS+2024 da Deputación Provincial da Coruña, no que se consignan achegas para gastos correntes e investimentos que ascenden a 423.098,49€ e a partida do plan complementario, con outros 285.679€. Saiu adiante igualmente a solicitude de 68.084,81€ para gastos sociais extraordinarios.

O programa provincial consigna, na achega de 2024, 238.296,85€ para gastos correntes e 184.801,64€ para investimentos. A proposta aprobada polo Concello prevé destinar a segunda destas partidas a financiar a rehabilitación do Palacete Municipal, unha actuación orzamentada en 149.250,04€, e a creación dunha zona verde na rúa Silva. Neste último caso, a actuación ten un presuposto de 67.555,12€ dos que 35.551,60€ se custearán co POS e o resto con fondos municipais.

A rehabilitación do Palacete Municipal vai dirixida fundamentalmente a solucionar os problemas de humidade que existen no semisoto do inmoble e mellorar o illamento, así como poñer ao día os aseos e as condicións de accesibilidade. As obras incluirán o cambio do forxado do teito do semisoto, moi deteriorado e danado pola acción dos xilófagos. Mellorarase o sistema de caleiros e tamén farase un vaciado no perímetro do edificio para crear unha franxa drenante e evitar a entrada de humidade.

Tamén acometerá o Concello de Cedeira, con cargo aos fondos provinciais, a creación dun espazo verde e de lecer nas chamadas “Casas Baratas”. Este proxecto contempla a transformación de 73 metros cadrados que actualmente está degradado e desaproveitado para convertilo nun lugar de encontro da veciñanza. A parcela ten forma de triángulo porque está entre a bifurcación da rúa Silva, á altura do número 26, coa travesía do mesmo nome. A previsión é plantar vexetación e árbores, así como instalar unha zona de bancos, cunha estrutura de cuberta parcial para facer máis confortable este espazo. Haberá tamén un aparcamento de bicicleta e renovaranse as beirarrúas ao arredor, dándolles o ancho suficiente para garantir as correctas condicións de accesibilidade. Esta nova zona verde sitúase contra a fachada cega dun edificio, na que o Concello se propón, sempre que conte co consenso dos veciños, unha nova obra de street art.

No mesmo expediente da proposta do POS+2024 aprobado polo pleno vai a proposta de investimento do plan complementario, dotado con 285.679,49€, que o Concello de Cedeira destinará ao arranxo e mellora de 15 viais de titularidade municipal que suman máis de 6,7 quilómetros. Son, todos eles, pistas da zona rural que presentan un importante deterioro, en moitos casos acentuado polo paso de camións que realizan traballos forestais. A actuación incluirá repoñer a capa de rodadura e adecuar o drenaxe para garantir unha maior durabilidade. Os camiños incluídos no proxecto son Calvario-Ribeira, Arrasa, Condomiñas, Bereixo-Piñeiro, Guilliade-Casaldegonce, Sisalde Maior, San Miguel de Sisalde, Lugar Campo Cruz, As Bieiteiras, As Filgueiras-O Rego, Lugar Torno, Purrey-Sedeás e Liñares-Portovello.

O Concello de Cedeira vai contar tamén con 68.084,81€ do programa provincial para gastos sociais extraordinarios, co que vai poder reforzar o cadro de persoal adscrito aos Servizos Sociais municipais, así como ampliar as partidas destinadas a axudas de emerxencia para unidades de convivencia en risco de exclusión.

O DESFILE DE DISFRACES ABRE ESTE SÁBADO O PROGRAMA DE ENTROIDO DO CONCELLO DE CEDEIRA

O desfile de comparsas e disfraces abrirá este sábado en Cedeira o programa festivo de Entroido, que se vai prolongar ata o mércores con variedade de propostas e actividades para todas as idades. Mañá xoves día 8 ata as 14.00h é o último día para inscribirse no concurso de disfraces, nas categorías de comparsa, grupo, parella ou individual, no que este ano se fallarán tamén premios especiais de carroza e asociación ou centro educativo. Tal como se informou recentemente, o Concello elevou este ano a contía dos premios ata sumar 5.590€.

Desde o Concello confirmaron onte que as inscricións xa formalizadas permiten afirmar que vai haber participantes en todas as categorías, porén ainda queda hoxe para apuntarse. O desfile partirá ás 18.00 horas da estación de autobuses e irá acompañado da charanga Bicoia. Realizará o habitual percorrido polo casco urbano de Cedeira, comezando pola avenida Castelao e dando a volta ás pontes, para rematar na Praza Roxa. Alí, a partir das 23.30h, entregaranse os premios -o xurado está integrado por persoas do tecido asociativo- e comenzará unha verbena coa orquestra Fania Blanco Show.

En caso de choiva este sábado, tal e como xa especifican as bases do concurso de disfraces, adiaríase o desfile. Nese caso, a charanga Bicoia animaría a zona da praza Roxa.

O programa de Entroido continuará o domingo, día 11, cunha proposta de xogos e obradoiros para a cativada na Praza Roxa, de 17.00 a 20.00h. Ao día seguinte, o luns, haberá no mesmo lugar un espectáculo infantil a cargo dos Jalochos, un grupo que ofrecerá un concerto participativo e con protagonismo da lingua galega, con percusión corporal e baile, no que aparecerán lendas e personaxes tradicionais. A cita é as 17.30h.

O martes 13 a festa desplazarase ao Polideportivo Municipal. Alí, a partir das 17.00 h haberá inchables e obradoiros nos que poderán gozar gratuitamente nenos e nenas.

O programa tocará ao seu fin o mércores 14 co tradicional enterro da sardiña. A praza da Marieta, ás 18.00 horas, será o punto de encontro para comezar os actos funerarios, nos que moitos veviños e veciñas adoitan participar gardando rigoroso loito. O cortexo fúnebre realizará un percorrido polo casco urbano da vila que rematará na praza Roxa, onde terá lugar un breve acto para despedir á sardiña e clausurar o Entroido.