Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O partido “Amigable Internacional” entre o Cedeira SD e o Wsf All Star Miami Cup será o domingo 23

O equipo de fútbol Wsf All Star Miami Cup, de Miami, volverá a cruzar o Atlántico para non faltar á súa cita anual co club Cedeira SD. A convocatoria deste ano será o día 23, a partir das catro da tarde, nas instalacións municipais do Beco.

A entrada, que será gratuíta, dará a posibilidade de presenciar os tres partidos nos que ámbalas dúas formacións competirán nas categorías de cadetes, alevíns e xuvenís. Un total de 50 xogadores, acompañados de persoal técnico e directivo, forman parte da expedición, coa que se favorece o intercambio deportivo e se axuda a crear vínculos entre ambas comunidades.

Coa prevista para o domingo 23, xa serán tres as ocasións nas que a vila de Cedeira acollerá un partido “Amigable Internacional”.

O presidente do Cedeira SD, David Abella Bouza, invita á veciñanza e a afeccionados ao fútbol de toda a comarca en particular a secundar coa súa presenza unha iniciativa para a que o equipo local conta coa axuda do Concello e da Deputación.

Cedeira convida á veciñanza a facer coplas para despedir o entroido 2020

O Concello de Cedeira convoca a veciños/as do municipio e da comarca en xeral a encher de sátira, aínda que sen caer nin na linguaxe sexista nin soez, as coplas coas que a localidade clausurará as celebracións de Entroido. As persoas interesadas teñen de prazo ata o día 26 para mandalas ao correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.gal. Tamén quedarán excluídos os versos nos que haxa insultos ou ameazas.

A festa de despedida será o sábado día 29, dará comezo ás 19.00 hora e terá como punto de partida a praza da Marieta. Desenvolverase o tradicional desfile polas rúas da vila e o Entroido retamará no auditorio coa lectura das coplas, que poden ser lidas pola persoa autora se así o desexa.

A organización alenta aos participantes no desfile a vestir de rigoroso loito e a poñer de manifesto a súa dor con sentidas choromicadas durante o funeral.

O Concello de Cedeira convoca o certame de disfraces de entroido

O Concello de Cedeira fomenta a participación nas celebracións do Entroido convocando un ano máis o tradicional concurso de disfraces. O certame será o día 22 de febreiro e está aberto á participación nas modalidades comparsas (nove ou máis compoñentes), grupos (de tres a oito compoñentes), parellas e individuais. A organización reserva 2.205 euros para premiar os tres mellores disfraces en cada unha das categorías.

O prazo de inscrición finaliza o luns 20, sendo imprescindible tanto o feito de cubrir a solicitude como o de presentala no rexistro xeral do Concello, aberto ao público en horario de 9.00 a 14.00 horas. O responsable ou representante das comparsas ou grupos será o que asine a solicitude, que terá que ir acompañada dunha fotocopia do seu DNI/NIE/Pasaporte. A mesma persoa non poderá participar en máis dunha categoría.

O desfile do sábado 22 dará comezo na praza Roxa ás 17.00 horas. O seu punto de partida será a praza Roxa e, despois de percorrer as principais rúas da vila, chegará ao pavillón polideportivo, que acollerá as actuacións. En caso de choiva os participantes irán directamente ás instalacións deportivas, onde se fará un desfile polo interior das mesmas. O xurado será designado polo Concello de Cedeira e quedará constituído por representantes municipais, de entidades culturais e sociais ou persoas de recoñecida capacidade.

O xurado valorará o vestiario e maquillaxe. así como a orixinalidade dos traxes, a coreografía, o traballo feito a man e mesmo a simpatía dos concursantes. A entrega dos diplomas terá lugar unha vez remate o desfile e o fallo do xurado sairá públicado na páxina web do Concello de Cedeira (www.cedeira.gal). Os premiados deberán solicitar o pago da contía mediante transferencia bancaria, a partir do día 2 de marzo, no rexistro municipal.

A programación de Entroido inclúe ademais dúas verbenas na praza Roxa, que serán os días 22 e 24 e que correrán a cargo das orquestras Metrópolis e Los Trovadores, así como a tradicional festa infantil, que será o 24 no pavillón e na que haberá inchables e animación. O Concello está pechando agora a celebración dun acto de homenaxe, recordo e agradecemento a Rosalía de Castro coincidindo co aniversario do seu nacemento (24 febreiro de 1837). Será o mesmo 24 e terá lugar no exterior da biblioteca municipal, adornada desde hai meses coa faciana da ilustre poeta galega.