Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O CONCELLO INVITA A CELEBRAR O ENTROIDO DE PORTAS A DENTRO E COMPARTIR AS IMAXES NUN VÍDEO CONXUNTO

As medidas de máxima protección que impón a actual situación epidemiolóxica fan imposible celebrar este ano o Entroido nas rúas. Porén, o Concello de Cedeira invita á veciñanza a celebralo nos domicilios, cos convivintes, e facer fotografías que logo poderán formar parte dun vídeo.

Desde o Departamento de Cultura suxiren que os veciños e veciñas saquen as prendas vellas do armario para compoñer os seus disfraces, que poñan a máscara, que aproveiten para indagar sobre as diferentes tradicións que hai en Galicia nesta festa de Entroido e mesmo que emulen aos cigarróns de Verín ou ás pantallas de Xinzo… Invitan tamén a cociñar as saborosas receitas propias destas datas -freixós, torradas, orellas, lacón con grelos…- e compartilas coa veciñanza a través destas fotografías.

As imaxes deste particular Entroido de portas adentro poden enviarse antes do día 15 de febreiro ao correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.gal ou ben a través de WhatsApp ao número 649876614. O vídeo no que se reúnan todas compartirase despois a través das redes sociais e servirá para aliviar, polo menos virtualmente, o distanciamento.

As persoas que desexen participar deberán cubrir un formulario de cesión de datos que poderán entregar:

  • Na oficina de Cultura do Concello
  • Enviar por WhatsApp ao número 649876614
  • correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.gal

Nas seguintes ligazóns pode descargarse o formulario de cesión de datos tanto en formato PDF como Word:

DESCARGAR PDF Formulario de cesión de datos

DESCARGAR WORD Formulario de cesión de datos

OS CONCELLOS DA MANCOMUNIDADE ACORDAN MEDIDAS SOBRE O USO DOS PARQUES INFANTÍS ANTE O EMPEORAMENTO DA PANDEMIA

Os alcaldes dos nove municipios que forman parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol acordaron onte coordinar medidas respecto dos parques infantís no marco das restricións debidas á covid-19 e tendo en conta a gravidade da situación. Os rexedores analizaron conxuntamente as opcións en relación ao uso destes espazos dedicados ao lecer dos nenos e finalmente decantáronse maioritariamente por pechalos, de xeito que en Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Narón, Neda e Valdoviño non será posible acceder a eles.

Ao estudar o asunto tívose en conta que, se ben é importante que os concellos da Mancomunidade coordinen as súas decisións, cada un pode presentar características e situacións distintas e necesitar adoitar medidas diferentes, como nesta ocasión foi o caso de Mugardos, un dos municipios de menor extensión da provincia, polo que nese concello os parques infantís permanecerán abertos.

A orde da Xunta de Galicia do pasado martes establece que os parques infantís poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados da área total do recinto e que deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire á limpeza e desinfección diarias dos xogos e ou outro mobiliario urbano de uso compartido. Pero nesta ocasión os alcaldes tamén tiveron en conta a gravidade da situación que soporta a área sanitaria de Ferrol durante as últimas semanas e a necesidade perentoria de interromper a cadea de contaxios.

O CONCELLO APLAUDE O XOGO DE RAMPLA CO QUE CEDEIRA VAI COÑECER MELLOR OS PAXAROS DA CONTORNA

O Concello de Cedeira fixo entrega ao CEIP Nicolás do Río de 400 unidades do xogo cooperativo “Paxaros” que lanzou o colectivo sociocultural Rampla, do que a administración local distribuira xa outras 100 a través dos Reis Magos aos nenos e nenas que acudiron á súa recepción o pasado 5 de xaneiro. A concelleira de Educación, Ermitas García, levou ao colexio o material e agradeceu a iniciativa de Rampla, na que conflúen o talento do artista local André Ramil díaz co obxectivo de coñecer mellor a fauna máis próxima, as aves que habitualmente se ven por Cedeira e a súa contorna.

Así, desde o goberno local apoiouse, coa compra das 500 unidades, unha iniciativa que está a ter una grande acollida na veciñanza. O xogo consta de 24 fichas con ilustracións de pardais, xílgaros, merlos, lavandeiras, petos, cercetas…, obra de André Ramil. As aves aparecen co seu nome científico, en latín, así como en galego, vasco, catalán, castelán e inglés.

As fichas poden empregarse para facer parellas de paxaros e así ir coñecéndoos mellor ou ben para desenvolver calquera outra dinámica de xogo, participativa e cooperativa. As unidades entregadas ao colegio Nicolás do Río van ser repartidas entre todo o alumnado de Primaria e tamén ao de maior idade de Infantil.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quixo expresar o agradecemento do Concello ao colectivo Rampla por esta iniciativa. “É unha aposta pola natureza, porque serve para coñecer e sensibilizar sobre a variedade de aves que temos, e tamén un traballo precioso do ilustrador, André Ramil”.