Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO APLAUDE O XOGO DE RAMPLA CO QUE CEDEIRA VAI COÑECER MELLOR OS PAXAROS DA CONTORNA

O Concello de Cedeira fixo entrega ao CEIP Nicolás do Río de 400 unidades do xogo cooperativo “Paxaros” que lanzou o colectivo sociocultural Rampla, do que a administración local distribuira xa outras 100 a través dos Reis Magos aos nenos e nenas que acudiron á súa recepción o pasado 5 de xaneiro. A concelleira de Educación, Ermitas García, levou ao colexio o material e agradeceu a iniciativa de Rampla, na que conflúen o talento do artista local André Ramil díaz co obxectivo de coñecer mellor a fauna máis próxima, as aves que habitualmente se ven por Cedeira e a súa contorna.

Así, desde o goberno local apoiouse, coa compra das 500 unidades, unha iniciativa que está a ter una grande acollida na veciñanza. O xogo consta de 24 fichas con ilustracións de pardais, xílgaros, merlos, lavandeiras, petos, cercetas…, obra de André Ramil. As aves aparecen co seu nome científico, en latín, así como en galego, vasco, catalán, castelán e inglés.

As fichas poden empregarse para facer parellas de paxaros e así ir coñecéndoos mellor ou ben para desenvolver calquera outra dinámica de xogo, participativa e cooperativa. As unidades entregadas ao colegio Nicolás do Río van ser repartidas entre todo o alumnado de Primaria e tamén ao de maior idade de Infantil.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quixo expresar o agradecemento do Concello ao colectivo Rampla por esta iniciativa. “É unha aposta pola natureza, porque serve para coñecer e sensibilizar sobre a variedade de aves que temos, e tamén un traballo precioso do ilustrador, André Ramil”.