Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O FESTIVAL DISCALZ@S CUMPRE ESTA FIN DE SEMANA CO SEU COMPROMISO COA MÚSICA FEITA EN GALICIA

A Praza do Floreal acollerá esta fin de semana unha “edición limitada” de Discalz@s polo Festival, un encontro musical e festivo que volve adaptándose ás circunstancias pero sen faltar á súa cita coa música feita en Galicia e á súa aposta polos grupos locais. A asociación Discalz@s polo festival conta un ano máis coa colaboración do Concello, que asumirá a maior parte económica desta edición aínda restrinxida, e que terá desta volta dúas sesións vermú con acceso controlado, reserva de localidade para cada asistente e uso obrigatorio de máscara dentro do recinto.

O Sonoro Maxín é o prato forte do cartel musical do primeiro día, o sábado. Os ritmos latinos de verbena deste grupo, que gusta de empregar nos seus concertos o termo “Galicia Tropical”, sucederán no escenario ás apostas desta edición pola música local, que estarán representadas por P-Rayada, Elsa e Gato Piojoso. P-Rayada é un conxunto formado por xoves do IES Punta Candieira e Elsa tamén é unha estudante do mesmo centro. O primeiro ocupará o escenario so, coa súa propia vocalista, e despois tamén acompañará a Elsa na súa actuación. Gato Piojoso é tamén un grupo local que se xunta de cando en vez para tocar versións de pop-rock.

Nesa mesma xornada do sábado haberá unha función de circo pensada para o público infantil, a cargo de AsSircópatas.

O domingo chegará a quenda de Mentah e Fanfarria Taquikardia. O primeiro é un dúo de Ferrol, formado por Carlos Rey e Julián Daza e xurdido das cinzas de Klute, que fuxe de etiquetas pero encadra o seu son no terreo do hardcore melódico. Fanfarria Taquikardia defínese como un grupo de música extremo-fiestero, cun repertorio que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, sempre con espíritu de troula.

E na xornada de domingo, Discalz@s anuncia unha actuación “sorpresa” que, segundo adiantan, vai gustar moito ao público.

ADXUDICADAS AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DUN SKATE BOWL E UNHA TIROLINA DO PARQUE DO CAMIÑO REAL

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de resolver a adxudicación da obra do skate bowl e a tirolina que se van situar no parque do Camiño Real da Madalena. O concurso, que saiu cun orzamento de 126.000€, recibiu cinco ofertas entre as que a mellor valorada foi a de Roig i Fills Associats, que se fai cargo da actuación por un prezo de 120.969,75€ (IVE incluído). O prazo de execución é de tres meses e, ao igual que coa obra de reforma do anel da Praza Roxa, o comezo das obras adíase ata o mes de setembro para interferir o menos posible no lecer da poboación e dos visitantes durante o verán.

Tal e como destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é unha intervención “que vai sumar novos atractivos na vila para a infancia e a mocidade, en definitiva ás familias, nun espazo próximo á praia, con arborado e con todos os elementos para gozar do aire libre con tranquilidade e seguridade”.

O skate bowl ou bañeira de patinaxe ocupará o lugar no que agora hai unha fonte circular sen uso. Trátase dunha pista para skaters, cunha unha superfie irregular e pendientes e formas redondeadas. Terá unha profundidade máxima menor a un metro e pendientes de entre 80 e 90 centímetros, de maneira que ofreza seguridade aos principiantes e que sexa suficientemente atractiva para aqueles máis experimentados co monopatín. A instalación para patinar será de 176 metros cadrados, aínda que a superficie total, co perímetro habilitado, será de 264 metros cadrados.

A tirolina estará preto da randeeira hexagonal que hai nun dos parques de xogos da zona. Terá 28 metros de largo, cunha altura de catro metros na salida e tres na chegada, e o percorrido terá solo de caucho. Cómpre recordar que o goberno local ten tamén o proxecto de construír neste parque infantil unha cuberta que protexerá da choiva e o vento case toda a zona de xogos, salvo a devandita randeeira.

CONVOCATORIA E BASES DA 5ª BANDEIRA CONCELLO DE CEDEIRA DE TRAIÑEIRAS

O Concello de Cedeira organiza en colaboración co Club de Remo de Cedeira unha regata de traiñeiras da Liga B, o sábado 7 de agosto de 2021. A medición de tempos e regulamento da regata correspóndelle ao Club de Remo de Cedeira, como colaborador e farase conforme á normativa de competición da Liga Galega de Traiñeiras mentres que o Concello como organizador asume o reparto de premios, conforme ás cláusulas expostas nas bases aprobadas que poden consultarse na seguinte ligazón:


VER PDF Convocatoria e bases 5ª Bandeira