Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O FESTIVAL DISCALZ@S CUMPRE ESTA FIN DE SEMANA CO SEU COMPROMISO COA MÚSICA FEITA EN GALICIA

A Praza do Floreal acollerá esta fin de semana unha “edición limitada” de Discalz@s polo Festival, un encontro musical e festivo que volve adaptándose ás circunstancias pero sen faltar á súa cita coa música feita en Galicia e á súa aposta polos grupos locais. A asociación Discalz@s polo festival conta un ano máis coa colaboración do Concello, que asumirá a maior parte económica desta edición aínda restrinxida, e que terá desta volta dúas sesións vermú con acceso controlado, reserva de localidade para cada asistente e uso obrigatorio de máscara dentro do recinto.

O Sonoro Maxín é o prato forte do cartel musical do primeiro día, o sábado. Os ritmos latinos de verbena deste grupo, que gusta de empregar nos seus concertos o termo “Galicia Tropical”, sucederán no escenario ás apostas desta edición pola música local, que estarán representadas por P-Rayada, Elsa e Gato Piojoso. P-Rayada é un conxunto formado por xoves do IES Punta Candieira e Elsa tamén é unha estudante do mesmo centro. O primeiro ocupará o escenario so, coa súa propia vocalista, e despois tamén acompañará a Elsa na súa actuación. Gato Piojoso é tamén un grupo local que se xunta de cando en vez para tocar versións de pop-rock.

Nesa mesma xornada do sábado haberá unha función de circo pensada para o público infantil, a cargo de AsSircópatas.

O domingo chegará a quenda de Mentah e Fanfarria Taquikardia. O primeiro é un dúo de Ferrol, formado por Carlos Rey e Julián Daza e xurdido das cinzas de Klute, que fuxe de etiquetas pero encadra o seu son no terreo do hardcore melódico. Fanfarria Taquikardia defínese como un grupo de música extremo-fiestero, cun repertorio que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, sempre con espíritu de troula.

E na xornada de domingo, Discalz@s anuncia unha actuación “sorpresa” que, segundo adiantan, vai gustar moito ao público.