Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

CURSO SOCORRISMO EN ESPAZOS ACUATICOS NATURAIS

Enviamos información sobre o itinerario que vai comezar durante o mes de febreiro dende o Proxecto Coruña Suma do concello de A Coruña pero aberto a persoas desempregadas con outros concellos de empadroamento:​

Socorrismo en espazos acuáticos naturais (dous cursos, un en horario de mañá, 9:00-14:00, e outro en horario de tarde, 15:30-20:30).

Para persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego.

Formación gratuíta con prácticas en empresas.

Posibilidade de recibir beca de asistencia.

Poden solicitar información chamando ao Centro Municipal de Emprego (981.184.399) ou mandando mail ao coruna.suma@coruna.gal indicando que lle interesa socorrismo.

O prazo para inscribirse remata o vindeiro 28 de xaneiro.

SERVIZOS SOCIAIS PON DE NOVO EN MARCHA AS ACTIVIDADES GRATUÍTAS DE INFORMÁTICA E ZUMBA

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Cedeira inaugura o vindeiro día 7 as clases de Informática e Zumba Gold, ambas as dúas no marco do programa de actividades gratuítas que este departamento municipal dirixe ás persoas maiores para favorecer a socialización e mellorar a súa saúde física e mental. A concelleira responsable da área, Malena Pérez, subliña que son todas propostas que teñen unha grande acollida e destaca o feito de que se desenvolven na zona urbana e tamén nas diferentes parroquias, co devezo de achegarse a todas as persoas que son potenciais usuarias.

Así, as clases de Informática desenvolveranse en Cedeira en dúas quendas. Os luns e os venres haberá un grupo de mañá, de 11.00 a 13.00 horas, e os venres un de tarde, de 17.30 a 19.30 horas. En Esteiro e en San Román as clases serán os mércores, de 16.00 a 18.00 e de 19.00 a 21.00 horas, respectivamente. En Santalla a actividade programouse para os sábados, de 18.30 a 20.30, e en Montoxo será os domingos, de 16.30 a 18.30 horas.

En canto á actividade de Zumba Gold, a cita será no patio do CEIP Nicolás do Río cada luns e mércores ás 19.30, e os venres ás 19.00 horas.

Tamén chegan á zona rural as actividades de Ximnasia Terapéutica e o Taller de Memoria, que comezaron o pasado día 17 en Cedeira. No primeiro caso, as clases que imparte a fisioterapeuta Marta González celébranse os martes en Esteiro, ás 09.45h; e os xoves en Montoxo (09.30h), San Román (10.45h) e Santalla (12.00h). O Taller de Memoria, que ten lugar en Cedeira os luns e venres ás 16.00 e 17.30 horas, desenvólvese en Santalla (martes e xoves, 18.30h); Saa (mércores e xoves, 16.00h); Sisalde (martes ás 16.00 e mércores ás 17.15h); Montoxo (martes e xoves, 17.15h) e San Román (luns e venres, ás 19.00h).

Por outra banda, o 20 de xaneiro retomaranse os talleres de “Música sen enrugas”, de musicoterapia para maiores, que xa se estiveron impartindo en novembro e decembro. A cafetería do Auditorio acolle estas sesións, en dous grupos, os xoves ás 16.30 e ás 18.00 horas. A psicóloga Sara Abuín imparte tanto esta actividade como a que leva por título “Inspira”, que abrangue musicoterapia, mindfulness e xestión emocional, e que se vai desenvolver os mércores ás 18.30h.

As persoas interesadas poden inscribirse nestas actividades acudindo a Servizos Sociais –de 10.00 a 13.00 horas-. A concelleira Malena Pérez recorda que tamén hai prazas dispoñibles nos talleres de estimulación cognitiva que o Concello de Cedeira desenvolve a través dun acordo coa asociación AFAL e que se realizan todos os días, de cinco a sete da tarde, no segundo andar do Auditorio Municipal.

O GOBERNO LOCAL PIDE COMPRENSIÓN POLAS MOLESTIAS QUE PODEN OCASIONAR AS OBRAS EN MARCHA

O goberno local de Cedeira informou do comezo das obras de reforma integral da praza 18 de Decembro –tamén coñecida como a “dos cabalos”- e da construción da tirolina no parque do Camiño Real. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, pediu á veciñanza paciencia e comprensión polas molestias que poden ocasionar estas actuacións e asegurou que se tentará axilizalas ao máximo. “Sabemos que as obras provocan incomodidades, pero cómpre recordar que se fan para ter mellores equipamentos e que todos e todas poderemos gozar do resultado”, explicou o rexedor.

As obras na praza 18 de Decembro van restrinxir temporalmente o número de prazas de estacionamento na zona, por exemplo. Porén, este investimento –de máis de 270.000€- vai dotar á vila dun espazo para o lecer cuberto e ao abrigo do vento.

Na zona do Camiño Real, o Concello de Cedeira ten xa rematada a construción do skate bowl, un novo espazo para o ocio da mocidade. No mesmo proxecto, adxudicado por preto de 121.000 euros, está a instalación dunha tirolina de 28 metros de largo, cunha altura de catro metros na saída e tres na chegada, que se está a colocar tamén estes días preto da randeeira hexagonal que está no mesmo parque.