Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O CONCELLO LICITA A SUBSTITUCIÓN DO PAVIMENTO DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL POR MÁIS DE 187.000€

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación para a substitución do pavimento do Polideportivo Municipal, un proxecto valorado en 187.201,41€ (IVE incluído), que se vai acometer a través do convenio suscrito o pasado 1 de xullo coa Deputación da Coruña. A administración provincial asume o 80% e a local o 20% dun investimento que o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, considera “importantísimo para ofrecer as mellores condicións á cancha de xogo, que ten un uso intensísimo e que sofre un alto grao de deterioro”.

O goberno local de Cedeira comezou traballar neste proxecto xa no ano 2018, cando encargou o primeiro informe técnico sobre a situación do pavimento do pavillón deportivo municipal. A actuación que se vai acometer abrangue a substitución do solo de madeira da pista de xogo, cunha superficie de 1.211,37 metros cadrados, e tamén o pavimento de linóleo que está nas zonas anexas, nunha superficie total de 165 metros cadrados. A cancha actual ten parquet cruzado deportivo de 25 mm, directamente colocado sobre o formigón e sen capa de impermeabilización. Hai madeiras levantadas e podres e están especialmente danadas aquelas situadas nas zonas de unión co linóleo, onde afectou máis a humidade.

As obras consistirán no levantamento do chan actual e a colocación dun novo pavimento de tablas de madeira laminada sobre rastreis especialmente deseñada para o uso deportivo. O novo solo irá asentado sobre un conxunto de tiras de goma, baixo os rastreis, destinado a evitar a deformación da superficie e a absorber os impactos. Nas zonas anexas á pista de xogo instalarase un pavimento sintético, pero desta volta cunha capa de impermeabilización por debaixo que garanta unha maior durabilidade. Xunto co chan, o proxecto tamén inclúe a substitución do actual marcador por un dixital que se adaptará a todos os deportes que se desenvolven neste espazo.

As empresas interesadas en presentar a súa oferta ao concurso poden facelo ata o vindeiro 17 de outubro. O concurso segue o procedemento aberto simplificado e o prazo de execución será de dez semanas.

Moreda Gil subliñou a importancia desta actuación e recordou que no que vai de ano o goberno local ten investido xa preto de 80.500€ en diferentes obras menores para a mellora e posta ao día de diferentes instalacións deportivas, aos que hai que sumar os 36.000€ en axudas a clubes da localidade. O alcalde agradeceu a colaboración da Deputación, esencial para que o Concello poida acometer unha actuación desta envergadura, e recordou que a administración provincial ten tamén en marcha os trámites para realizar un investimento de máis de 350.000€ na mellora do trazado da estrada DP-2206 na curva de Tide.

 

O CONCELLO ENTREGOU Á ESCOLA DA GALIÑA AZUL UN LOTE DE CONTOS PARA AS CRIANZAS VALORADO EN 500€

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, entregou hoxe á directora da escola infantil da Galiña Azul, Eva Arribi, un lote de contos para as crianzas valorado en 500€. A doazón municipal resposta a unha necesidade que trasladaron ao goberno local os pais e as nais do centro, que fixeron notar que os fondos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Social para a escola non abondan para incrementar os fondos e substituír aqueles libros que están xa moi deteriorados pola manipulación dos máis pequenos.

Moreda Gil amosouse especialmente ledo por poder contribuír, desde o Concello, a mellorar a calidade de ensino das crianzas e subliñou a importancia dos contos para a educación xa a idades temperás, porque axudan a desenvolver a imaxinación, fomentan a escoita e a comunicación, estimulan a creatividade… “O goberno local está sempre disposto a colaborar para ofrecer máis e mellores recursos aos centros educativos públicos”, comentou, engandindo que o seu equipo é sensible ás dificultades que están a ter as educadoras e educadores desta rede autonómica para consolidar os seus postos de traballo.

Céspede artificial

Por outra banda, o Concello vén de investir 6.921,20€ na instalación de céspede artificial en todo o patio exterior do segundo edificio da escola infantil. O primeiro contaba cun chan de caucho, que garante o xogo dos nenos e nenas de cero a tres anos en condicións de seguridade, pero o exterior do inmoble no que se levou a cabo a ampliación do centro era de aglomerado. Co novo material evítanse pequenos accidentes nas saídas ao exterior.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira investiu durante o pasado ano máis de 61.000€ na adecuación das fachadas exteriores, a carpintería e o tellado do inmoble no que se levou a cabo da ampliación da Galiña Azul. A ampliación fíxose efectiva no ano 2019 e permitiu ampliar as 58 prazas anteriores ata as 78 actuais. Daquela, a institución municipal puxo a disposición do organismo autonómico o inmoble, que era da súa titularidade e está situado xunto á escola, e axumiu parte das obras de reforma interior.

MANIFESTACIÓN CONVOCADA PARA HOXE ÁS 20.30H POLA PLATAFORMA VECIÑAL SOS IES PUNTA CANDIEIRA

A plataforma veciñal SOS IES Punta Candieira convocamos para hoxe luns día 5 de setembro ás 20:30 do serán á veciñanza á unha manifestación.
Concentrarémonos diante da porta do centro con antelación; e partiremos en manifestación desde o IES camiñando até o centro da vila.
Animamos a levar a nosa indumentaria: roupa negra e cartel contra os recortes.

Desta volta queremos que se nos escoite máis ainda, por iso levemos cazolas, culleres tixolas, ferradas ou mesmo silbatos. Fagamos ruido e corramos a voz para animar aos nosos achegados. Debemos dar un paso máis.

Moito ánimo. E forza a todas e a todos.
Vémonos hoxe