Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

TRABALLOS DE RECUPERACIÓN E CONSERVACIÓN DO RÍO CONDOMIÑAS

Paralelamente ás xornadas de sensibilización na separación de residuos, que tiveron lugar a semana pasada na escola Nicolás del Río, aproveitouse para facer partícipe ao alumnado dos traballos de recuperación e conservación que se veñen realizando no leito do río Condomiñas e na súa contorna.

Na visita divulgouse a diversidade de actuacións que o concello veu levando a cabo durante os últimos anos, coa colaboración da Asociación Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE), que dende o 2017 traballa arreo na limpeza do leito do río, na creación de sendas fluviais naturais, na recuperación de flora e fauna autóctonas, na erradicación das especies alóctonas e na recuperación de conxuntos etnográficos relacionados cos usos da auga, entre outras.

Todo isto, co obxectivo de lograr un espazo público propicio para a educación ambiental e o lecer.

Fíxose entrega de exemplares da guía “Bosque de ribeira do Condomiñas” editados polo concello e a Asociación ARCE, que conteñen importante información sobre o ecosistema específico do río, coa intención de que os máis novos comecen a coñecer, valorar e respectar o medio que os rodea.

O CONCELLO DE CEDEIRA E O COLEXIO CEIP NICOLÁS DEL RÍO COLABORAN NUNHA NOVA CAMPAÑA SOBRE SEPARACIÓN DE RESIDUOS.

Para dar inicio á campaña de fomento de separación do aceite doméstico usado. O alcalde e a técnico de medioambiente visitaron e compartiron co alumnado de 5º e 6º curso do CEIP Nicolás del Río unhas xornadas de sensibilización sobre a necesidade da correcta xestión do aceite doméstico usado, nos fogares de Cedeira.

A rapazada do centro educativo ten claro que separar é cousa de todos e que, é fundamental evitar que o aceite usado chegue aos nosos ríos e mares, sen tratamento.

Explicouse aos escolares que o concello de Cedeira conta con 22 contedores para a recollida selectiva de aceite doméstico usado, para o súa posterior transformación en biocombustible ou para outros usos industriais, sen efectos nocivos para o medioambiente.

Na actividade desenvolvida, o alumnado do centro aprendeu que o aceite usado pode ter novas vidas (biocombustibles, bioplásticos, xabóns, impermeabilizantes, etc) e que mal xestionado pode ser un “gran inimigo” tanto do medioambiente como das tubaxes do saneamento.

Resaltouse a importancia de coñecer os riscos que conleva desfacerse do aceite en sitios non axeitados para o seu tratamento. Destacando que cada litro de aceite derramado pode contaminar máis de 1000L de agua e, ademais xerar graves problemáticas de obstrución das canalizacións e incrementando custes nos tratamentos depuradores.

Ademáis, entregóuselles un funil para facilitar a recollida selectiva deste residuo, no ámbito doméstico.

Rematouse cun chamamento a todos e todas as participantes para que separen correctamente os residuos domésticos, colaborando así na protección do medioambiente.

Nos próximos días, os propios alumnos e alumnas do centro exercerán de educadores ambientais, trasladándolle esta información ao resto do alumnado, colaborando así, de forma activa na campaña.

Dende o concello agradécese a todo o profesorado do centro, por participar destas xornadas e, pola súa predisposición a calquer tipo de colaboración ao longo do ano.

A ASOCIACIÓN PARA A XESTIÓN DO XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL APROBA UN PLAN DE ACTUACIÓNS E ORZAMENTO PARA O ANO 2023 POR IMPORTE DE 453.136 € NA SÚA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal está a espera da ratificación da UNESCO para converterse oficialmente en Xeoparque Mundial, trala proposta favorable emitida, no pasado mes de decembro, polo Consello de Xeoparques da Unesco.

A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal ven de celebrar no día de onte a súa Asemblea Xeral Ordinaria, onde se aprobou un orzamento por importe de 453.136 € para esta anualidade.

Tamén se aprobou o estado de contas do ano 2022, así como o plan xeral de actuación para o ano 2023.

Tal e como establecen os estautos da asociación, procedeuse tamén ao cambio da xunta directiva, con cargos de carácter anual e rotativo, pasando á presidencia de turno a recaer sobre Pablo Moreda Gil, alcalde e representante do Concello de Cedeira, para este ano 2023.

Ademáis, deuse conta de todas as actuacións levadas a cabo no derradeiro ano, incluíndo o resultado favorable da auditoría da candidatura e, polo tanto, da proposta favorable do Consello de Xeoparques da Unesco para o recoñecemento definitivo (prevese no vindeiro mes de maio) como Global Geopark, por parte da Asamble Xeral da Unesco. Tamén se deu conta da execución de diferentes accións incluídas no Convenio de Actividade asinado coa Deputación da Coruña, así como da subvención DP0030 da Deputación da Coruña para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña.

ENTIDADES AMIGAS

Os estatutos da asociación prevén a figura das entidades amigas que, previa solicitude, son admitidas en Asamblea xeral. Así, nesta asemblea xa poideron participar aquelas entidades amigas que foran admitidas en asembleas anteriores. Ademais, aprobouse a incorporación de 6 novas entidades, ascendendo actualmente a 20 as asociacións de diversa tipoloxía (deportivas, culturais, veciñais, sectoriais…) que están admitidas. Estas Entidades Amigas forman parte tamén do Foro de Participación Local, exercendo como embaixadores do proxecto e colaborando coa asociación, sendo chave para a involucración da base social neste proxecto.

Máis información: xestionaxco@gmail.com