Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A ASOCIACIÓN PARA A XESTIÓN DO XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL APROBA UN PLAN DE ACTUACIÓNS E ORZAMENTO PARA O ANO 2023 POR IMPORTE DE 453.136 € NA SÚA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal está a espera da ratificación da UNESCO para converterse oficialmente en Xeoparque Mundial, trala proposta favorable emitida, no pasado mes de decembro, polo Consello de Xeoparques da Unesco.

A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal ven de celebrar no día de onte a súa Asemblea Xeral Ordinaria, onde se aprobou un orzamento por importe de 453.136 € para esta anualidade.

Tamén se aprobou o estado de contas do ano 2022, así como o plan xeral de actuación para o ano 2023.

Tal e como establecen os estautos da asociación, procedeuse tamén ao cambio da xunta directiva, con cargos de carácter anual e rotativo, pasando á presidencia de turno a recaer sobre Pablo Moreda Gil, alcalde e representante do Concello de Cedeira, para este ano 2023.

Ademáis, deuse conta de todas as actuacións levadas a cabo no derradeiro ano, incluíndo o resultado favorable da auditoría da candidatura e, polo tanto, da proposta favorable do Consello de Xeoparques da Unesco para o recoñecemento definitivo (prevese no vindeiro mes de maio) como Global Geopark, por parte da Asamble Xeral da Unesco. Tamén se deu conta da execución de diferentes accións incluídas no Convenio de Actividade asinado coa Deputación da Coruña, así como da subvención DP0030 da Deputación da Coruña para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña.

ENTIDADES AMIGAS

Os estatutos da asociación prevén a figura das entidades amigas que, previa solicitude, son admitidas en Asamblea xeral. Así, nesta asemblea xa poideron participar aquelas entidades amigas que foran admitidas en asembleas anteriores. Ademais, aprobouse a incorporación de 6 novas entidades, ascendendo actualmente a 20 as asociacións de diversa tipoloxía (deportivas, culturais, veciñais, sectoriais…) que están admitidas. Estas Entidades Amigas forman parte tamén do Foro de Participación Local, exercendo como embaixadores do proxecto e colaborando coa asociación, sendo chave para a involucración da base social neste proxecto.

Máis información: xestionaxco@gmail.com