Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA RECOLLEU MÁIS DE 4.000 KG DE ACEITE USADO NO 2022

Os 17 contedores para aceites domésticos, instalados en Cedeira, recolleron en 2022 un total de 4.164 Kg de aceite usado; co que se evitou a contaminación de máis de 4,5 millóns de litros de auga, e que transformado en biocarburante xerou un aforro de 12,49 toneladas de CO2 emitidas á atmósfera.

Segundo as cifras achegadas pola empresa de recollida, o contedor que máis litros recolleu o ano pasado é o do grupo de contedores próximo á “Capilla del Amor Hermoso, seguido do grupo de contedores situado preto do centro de ocio xuvenil.

Dende o concello celébranse estas boas cifras, e prégaselle a toda a veciñanza que continúe a participar desta práctica.

Para promover esta conduta entre a cidadanía, desenvolverase, a partir da próxima semana, unha campaña medioambiental para fomentar a separación do aceite vexetal de orixe doméstica.

As accións previstas asociadas á campaña irán dende a procura da sensibilización cos problemas que xera ao medio ambiente non xestionar axeitadamente o aceite doméstico usado, pasando por actuacións que facilitarán á veciñanza o hábito cotián de separación do aceite.

Lembrar que, no mellor dos casos, o aceite desbotado polos vertedoiros chega ás estacións depuradoras, ocasionando altos custes de limpeza e mantemento. No peor dos casos, eses aceites poden acabar no río ou no mar causando serios problemas na flora e fauna mariña.

Aprovéitase ademáis, para incidir na importancia da recollida selectiva doutros residuos domésticos, para os que o concello ofrece unha ampla gama de colectores; e facilita tamén a recollida a través do punto limpo fixo e a domicilio, no caso de enseres ou residuos de gran porte.