Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CENTRO DE OCIO XUVENIL DE CEDEIRA ORGANIZA PARA ESTE SÁBADO UN OBRADOIRO DE TATUAXE

O Centro de Ocio Xuvenil (COX) do Concello de Cedeira programa para este sábado, día 25, un obradoiro de tatuaxe dirixido a mozos e mozas de 12 a 18 anos. É unha iniciativa que resposta á propia demanda expresada polos usuarios e usuarias no marco da dinámica participativa coa que se está a xestionar o centro. As prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente, de xeito presencial ou por correo electrónico escribindo á dirección coxcedeira@gmail.com.

A entidade Vella Escola, especializada na divulgación de diferentes disciplinas da chamada “cultura urbana”, será a encargada de impartir o obradoiro de Tatoo. A actividade desenvolverase de 17.30 a 19.30 horas e as persoas participantes coñecerán os diferentes estilos e as ferramentas e técnicas utilizadas na realización de tatuaxes. Na mesma sesión realizaranse prácticas individuais sen agullas, primeiro, e despois con elas, de xeito supervisado, sobre unha pel de laranxa.

Para a mesma xornada do sábado están tamén anunciadas varias actividades promovidas pola asociación Lugares Comúns, coa colaboración do Concello de Cedeira. Pola mañá desenvolverase o I Encontro de Sementes, a partir das 11.00 horas na Sala Áncora. Un agricultor da zona dará unha charla sobre o banco de sementes de Galicia e sobre os inxertos. Porén, a entidade subliña o interese da segunda parte deste encontro, o intercambio de sementes, para o que invitan a todas as persoas interesadas no cultivo da terra a acudir con sementes para intercambiar e con vontade compartir coñecementos e curiosidade.

Lugares Comúns promove tamén na tarde do sábado un encontro coas artes escénicas. O Auditorio acollerá, a partir das 19.00 horas, a representación da obra teatral “Hai alguén aí?”, o pase dun audiovisual co alumnado de violín e unha pequena mostra de músicas do mundo a cargo do grupo O Mar.

Lugares Comúns é unha asociación que xurdiu por iniciativa dun grupo de veciños e veciñas de Cedeira con diferentes orixes, moitas delas de fóra de España ou de Galicia e tamén algunhas da propia vila, que teñen o interese de compartir cultura e experiencias. Defínense como unha plataforma “para facer aos de fóra máis de aquí e aos de aquí máis de fóra”.

Xunto con estas actividades, o vindeiro sábado Cedeira acollerá tamén unha xornada para promover o deporte en idade escolar. Concretamente, o programa estará adicado ao bádminton nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. A cita, encadrada na campaña Xogade da Xunta de Galicia, comezará ás 10.00 horas no Polideportivo Municipal.