Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

TRABALLOS DE RECUPERACIÓN E CONSERVACIÓN DO RÍO CONDOMIÑAS

Paralelamente ás xornadas de sensibilización na separación de residuos, que tiveron lugar a semana pasada na escola Nicolás del Río, aproveitouse para facer partícipe ao alumnado dos traballos de recuperación e conservación que se veñen realizando no leito do río Condomiñas e na súa contorna.

Na visita divulgouse a diversidade de actuacións que o concello veu levando a cabo durante os últimos anos, coa colaboración da Asociación Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE), que dende o 2017 traballa arreo na limpeza do leito do río, na creación de sendas fluviais naturais, na recuperación de flora e fauna autóctonas, na erradicación das especies alóctonas e na recuperación de conxuntos etnográficos relacionados cos usos da auga, entre outras.

Todo isto, co obxectivo de lograr un espazo público propicio para a educación ambiental e o lecer.

Fíxose entrega de exemplares da guía “Bosque de ribeira do Condomiñas” editados polo concello e a Asociación ARCE, que conteñen importante información sobre o ecosistema específico do río, coa intención de que os máis novos comecen a coñecer, valorar e respectar o medio que os rodea.