O EQUIPO DE FÚTBOL FEMININO DISCALZAS RECIBIRÁ ESTE ANO O PREMIO MULLER DA VILA CON MOTIVO DO 8-M
O Concello de Cedeira conmemorará un ano máis o 8M, Día da Muller, cunha serie de actividades coas que procura concienciar sobre a igualdade e rexeitar todo tipo de discriminación por razóns de xénero. Como é habitual, a corporación municipal participará la lectura dun manifesto institucional diante do consistorio, o mércores ás doce do mediodía, acto que contará tamén coa actuación do grupo da Escola de Música de Cedeira.
Pero a programación do 8-M comezará hoxe, día 7, cunha proposta lúdica e divulgativa arredor da igualdade. Trátase da actividade “Feminismos no tempo”, na que as persoas participantes poderán descubrir os feitos máis relevantes da historia do feminismo a través dunha baralla con 55 cartas. Será a partir das 18.30 horas na Sala Áncora.
Despois do acto institucional do mércores, o programa terá continuidade o venres día 10 coa entrega do premio “Muller da Vila”, que cada ano concede a Asociación Mulleres da Vila. Nesta ocasión, o acto será ás 19.00 horas no Auditorio e o recoñecemento irá ao equipo de fútbol feminino Discalzas SD.
A orixe do club remóntase ao ano 2010, cando por iniciativa dun grupo de rapazas, e no seo do club de fútbol da localidade, se creou un conxunto de fútbol 8 integramente feminino, con 16 fichas. Á tempada seguinte xa xurdiu un segundo equipo, necesario para dar cabida ao gran número de mozas interesadas en xogar. Na loita por ter os mesmos dereitos que os futbolistas homes, chegou un momento en que as xogadoras decidiron separarse do club e iniciar, a partir de 2017, unha nova andaina baixo o nome Discalzas SD.
A nova sociedade deportiva xogou durante catro tempadas na competición de fútbol 7 e 8, na zona de Ferrol, tras o cal xurdiu un novo contratempo. Disolveuse a liga na que xogaba o equipo, ao que Discalzas SD reaccionou creando o primeiro equipo de fútbol 11 feminino da historia de Cedeira, que nestes momentos conta con 21 xogadoras e compite na segunda división galega. O premio Muller da Vila quere recoñecer o valores de igualdade, tolerancia, respecto e compañerismo que brilan dentro da entidade, así como a tenacidade amosada polas xogadoras para vencer todos os atrancos e conquistar o seu espazo dentro do fútbol.
O programa do 8-M rematará o día 17 de marzo, data na que está prevista a proxección, no Auditorio Municipal, do traballo “Diversas mulleres, mulleres diversas”. É un audiovisual realizado polo equipo Faro de Igualdade do IES Punta Candieira.