Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SANIDADE CONFIRMA QUE A PARCELA DO CONCELLO CUBRE, E MESMO SUPERA, AS NECESIDADES DO CENTRO DE SAÚDE

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, mantivo este mércores unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para avanzar no proxecto do novo Centro de Saúde. No encontro corroborouse que os terreos que o Concello pon a disposición do Sergas na zona da estación de autobuses están moi por arriba das necesidades do plan funcional do futuro edificio, polo que tanto o conselleiro como o resto dos responsables e técnicos presentes felicitaron ao goberno local de Cedeira pola solución adoptada.

Segundo explicou Moreda, o plan funcional do Centro de Saúde concreta a necesidade de 2.007 metros cadrados útiles que se van habilitar nun inmoble de dúas plantas (baixo máis primeiro). O terreo que pon o Concello a disposición da Consellería –segundo o acordo unánime no pleno da corporación- é unha parcela de 2.318,07 metros cadrados de superficie bruta, que permiten darlle á planta baixa ata 1.635,20 m2 e que ofrece en total unha edificabilidade de 5.232,64m2. “Poñemos a diposición de Sanidade máis do doble da superficie que precisa, polo que os responsables autonómicos quedaron moi satisfeitos e así nolo expresaron”, explicou Moreda.

Na reunión participou, xunto co conselleiro, o xerente da área sanitaria, Ángel Facio, e o arquitecto Ángel Monteoliva, por parte do Concello. Segundo expuxo alí o alcalde, a intención do goberno municipal é dotar á zona na que se vai levantar o novo Centro de Saúde dun espazo de aparcamento, un proxecto co que tamén se amosou satisfeito Julio García Comesaña polo que contribuirá a facilitar a afluencia ás consultas. Moreda Gil sinalou que coa construción do novo inmoble e o traslado do Centro de Saúde, Cedeira poderá aproveitar o edificio actual para acoller outros usos, no eido dos servizos sociais –lembrou que o Concello está a espera de ter resposta sobre o proxecto para o Centro de Día-, para o tecido asociativo ou para outros usos “que acordemos no pleno”.

Moreda Gil quedou sorprendido, á vista do resultado da reunión de onte, polas manifestacións que fixo públicas hoxe nun medio de comunicación o voceiro do PP de Cedeira, Luis Rubido. “Antes de falar hai que informarse”, dixo Moreda Gil, quen recordou que o PP votou no pleno a favor do que agora sae a criticar. “A súa xestión será recordada pola perda de 2,4 millóns de euros que xa foran consignados en 2012 polo Goberno central para a ampliación do Centro de Saúde, que non chegaron a executarse porque a Xunta do PP non aportou a súa parte”, dixo Moreda Gil, que considerou que Rubido amosa a súa pouca clase aludindo a Foz e que “non é de extrañar que o PP prescinda del”.

“Invitei ao conselleiro Julio Comesaña a vir a Cedeira para visitar os terreos, e invitarei tamén aos voceiros dos grupos municipais, tanto do PP como do BNG, porque este é un proxecto para o pobo, non para ningún partido político”, rematou Moreda.