Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

17 TERRITORIOS ASPIRAN ESTE ANO A SE CONVERTER EN XEOPARQUE MUNDIAL DA UNESCO

A Secretaría da UNESCO publicou recentemente o listado de candidatos a obter este ano o distintivo de xeoparque mundial. Por parte de España están propostas a zona de Costa Quebrada, en Cantabria, e a do Cabo Ortegal, compartindo opcións ao recoñecemento con outros 15 territorios situados no Brasil, China, Grecia, Indonesia, Irán, Irlanda, Italia, Kirguizistán, México, Noruega, Corea do Sur e Rusia. Durante os próximos meses, en datas aínda por determinar, persoas expertas pertencentes ao equipo designado pola UNESCO visitarán cada un dos proxectos para facer unha avaliación exhaustiva do seu patrimonio xeolóxico, pero tamén do seu compromiso e do traballo que se está facendo en relación co desenvolvemento sostible. Mentres tanto, o Proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal segue traballando en rede con outros territorios con intereses comúns e, nese sentido, participará a semana que vén nun encontro en Santander no que se tentarán sentar as bases para creación dunha Ruta Transcantábrica da Xeodiversidade que implique os xeoparques do norte do Estado.
Os estados membros das Nacións Unidas teñen até o 7 de xullo para formular alegacións á relación de candidaturas 2021-2022, data a partir da cal se producirá a visita das inspectoras ou inspectores internacionais.
Ademais, a UNESCO ten tamén en marcha a elección do equipo de avaliadoras e avaliadores que visitarán os 17 territorios aspirantes, tras manter aberto até o pasado 15 de abril o prazo de recepción de solicitudes para entrar na lista de persoas expertas.
Con esta información, e ante o elevado número de candidaturas que hai este ano, prevese que as misións de avaliación nos distintos países se leven a cabo a partir de mediados ou incluso finais do verán, tendo en conta que a loxística debe coordinarse coa Secretaría e cos propios avaliadores, como moi tarde, ata un mes antes da súa viaxe.
A UNESCO enviará dúas persoas que permanecerán no territorio cinco días -incluído o da chegada- facendo visitas de campo para ver os recursos xeolóxicos máis destacados, analizando o grao de cumprimento das condicións para ser xeoparque e mantendo encontros tanto cos responsables do proxecto como co tecido social.
Todo está pautado nun rigoroso protocolo que inclúe unha xuntanza final na que os dous avaliadores internacionais, que non poden ser españois, exporán as súas observacións e formularán as recomendacións que estimen oportunas. O protocolo insiste na obriga de que durante a súa estadía ambos garden discreción sobre o sentido do informe de xulgamento que deberán elaborar para o Consello Executivo e o Consello de Xeoparques Mundiais da UNESCO, os organismos que teñen a última palabra na asignación do ansiado distintivo.
Relación con outros territorios
No listado de tarefas dos avaliadores tamén se encontra a análise do proxecto “non só nunha escala nacional, senón tamén para ter un retrato global, especialmente unha perspectiva sobre o traballo en rede”, apunta a documentación da UNESCO. Neste sentido, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal leva varios anos participando en encontros técnicos e intercambiando información con outros territorios que xa forman parte da rede mundial.
A próxima cita deste tipo está programada para dentro duns días nas xornadas sobre Patrimonio xeolóxico, xeoparques, investigación científica e aproveitamento turístico que se desenvolverán o 6 e 7 de xuño en Santander, cadrando coa celebración do Día Internacional da Xeodiversidade e baixo a organización da Real Academia de ciencias Exactas, Físicas e Naturais.
No marco deste foro, as zonas da cornixa cantábrica debaterán sobre a conveniencia de establecer unha Ruta Transcantábrica da Xeodiversidade que conecte os diversos espazos de interese xeolóxico do norte peninsular, onde neste momento se encontran o Xeoparque da Costa Vasca, o burgalés de Las Loras e o Xeoparque Montañas do Courel. Costa Quebrada -anfitrioa das xornadas- e Cabo Ortegal poderían ser os seguintes, o que elevaría a 17 o número de territorios españois co recoñecemento da UNESCO.

AS AUGAS DE AREA LONGA E A MADALENA MANTEÑEN UN ANO MÁIS A CUALIFICACIÓN DE EXCELENTE

A calidade das augas nas praias de Area Longa e A Madalena de Cedeira manteñen un ano máis a nota de “excelente”, a máxima valoración que outorga o programa de Saúde Pública da Xunta de Galicia. O resultado dos novos informes sobre as zonas de baño confirma os bos resultados que chegaron por primera vez en 2020. Tal como recorda o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, os controis devolveron un “insuficiente” en 2011, 2012 e 2014, cun tímido “suficiente” en 2013. “O traballo feito polo goberno local comezou a dar os seus froitos, de maneira que o suficiente se mantivo de 2015 ata 2017, despois pasou a ben, e xa en 2020 as nosas praias acadaron o excelente”.

Desde o goberno local recordan que o coidado do medio ambiente é unha prioridade e que a tarefa concirne a todos e todas. A mellora da calidade das augas de baño está en relación coas obras de saneamento, que van ampliando a rede separativa no municipio; coa mellora da xestión de residuos, como por exemplo na recollida de aceites usados, e tamén coa sensibilización da cidadanía a través de diferentes campañas, como a que chamou a atención sobre os prexuízos de verter directamente aos sumidoiros.

O alcalde recordou a importancia do traballo da cidadanía neste eido e en particular de ARCE, a Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira, cuxas limpezas contribuíron a mellorar moito a situación do Condomiñas. Nomeou tamén Moreda Gil as xestións que o propio goberno local desenvolveu nos últimos anos diante doutras administración como Augas de Galicia ou Portos e que se traduciron en actuacións efectivas.

A FESTA DA PESCADA DE CEDEIRA RETÓMASE DESPOIS DE DOUS ANOS SEN PODER CELEBRALA COMO CONSECUENCIA DA PANDEMIA

Este ano o PROXECTO CEDEIXURA- PESCA DE COSTA, actuación conxunta na que participa a CONFRARÍA DE PESCADORES DE CEDEIRA e o CONCELLO DE CEDEIRA, promove a IV Festa da Pescada de Cedeira.

Unha das últimas actividades programadas nesta anualidade 2022, é a celebración da IV Festa da Pescada de Cedeira. Evento xa tradicional na vila e que non se poido celebrar durante dous anos pola pandemia. Nesta IV edición volve a destacar a pescada como un dos produtos máis representativos da pesca de baixura.

Durante tres anos o proxecto CEDEIXURA- PESCA DE COSTA promoveu e puxo en valor a pesca do día e as especies de grande calidade que se capturan no mar de Cedeira. Para conseguir este obxectivo se desenvolveron diferentes actividades implicando ao sector pesqueiro, a hostalería e a poboación en xeral coa promoción dos peixes e mariscos da súa costa.

Seguindo coa valorización do pescado e marisco capturados no día o domingo 19 de xuño e a partir das 12.00 horas celébrase na explanada da Confraría de Pescadores de Cedeira a IV Festa da Pescada, nunha carpa degustación habilitada para o evento. Nesta festa poderase degustar como prato estrela a pescada da costa cociñada de dúas formas diferentes, ademais de berberechos da ría de Cedeira e empanada de dúas clases, polbo e atún.

Este ano e como novidade farase un agasallo as 150 primeiras persoas que pidan pescada, cun prato de madeira deseñado para a ocasión con imaxes de pescados e mariscos típicos da gastronomía da vila.