Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AS AUGAS DE AREA LONGA E A MADALENA MANTEÑEN UN ANO MÁIS A CUALIFICACIÓN DE EXCELENTE

A calidade das augas nas praias de Area Longa e A Madalena de Cedeira manteñen un ano máis a nota de “excelente”, a máxima valoración que outorga o programa de Saúde Pública da Xunta de Galicia. O resultado dos novos informes sobre as zonas de baño confirma os bos resultados que chegaron por primera vez en 2020. Tal como recorda o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, os controis devolveron un “insuficiente” en 2011, 2012 e 2014, cun tímido “suficiente” en 2013. “O traballo feito polo goberno local comezou a dar os seus froitos, de maneira que o suficiente se mantivo de 2015 ata 2017, despois pasou a ben, e xa en 2020 as nosas praias acadaron o excelente”.

Desde o goberno local recordan que o coidado do medio ambiente é unha prioridade e que a tarefa concirne a todos e todas. A mellora da calidade das augas de baño está en relación coas obras de saneamento, que van ampliando a rede separativa no municipio; coa mellora da xestión de residuos, como por exemplo na recollida de aceites usados, e tamén coa sensibilización da cidadanía a través de diferentes campañas, como a que chamou a atención sobre os prexuízos de verter directamente aos sumidoiros.

O alcalde recordou a importancia do traballo da cidadanía neste eido e en particular de ARCE, a Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira, cuxas limpezas contribuíron a mellorar moito a situación do Condomiñas. Nomeou tamén Moreda Gil as xestións que o propio goberno local desenvolveu nos últimos anos diante doutras administración como Augas de Galicia ou Portos e que se traduciron en actuacións efectivas.