Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A REPERCUSIÓN DA SERIE “RAPA” AUMENTA O INTERESE POLO CURRO DA CAPELADA, QUE SE VAI CELEBRAR ESTE DOMINGO

A asociación San Andrés Eventos vive este ano con especial intensidade os preparativos do Curro da Capelada, un acontecemento que estivo ausente nos dous últimos anos a causa da pandemia e que regresa impulsado pola repercusión da serie “Rapa” de Movistar+. Segundo explica Jorge Bellón, o presidente da entidade, nestas últimas semanas chamaron á entidade desde Asturias, Ourense e Rías Baixas, entre outros lugares, o que anticipa unha afluencia importante ao evento.

O programa de actos no curro comezará o sábado, día no que se vai facer o desparasitado e rexistro dos cabalos. A xornada vai rematar, xa pola tarde, cunha verbena amenizada por Marisol Novo. O domingo será o día da rapa das bestas. Ás dez da mañá os “besteiros” guiarán aos animais na baixada ata o recinto, para comezar a continuación co espectacular traballo de cortarlles as crinas e deixalos frescos e limpos de cara aos calores do verán. Na zona haberá un toldo no que se servirán comidas e bebidas, así como inchables e xogos para nenos e nenas. Ata as 12.00h. estará aberta a inscrición para as carreiras de galope que terán lugar pola tarde, xa despois das 17.00h.

Segundo explicou Jorge Bellón, a asociación vai colocar estacas con indicacións para facilitar a afluencia da xente, á que recomendan tomar a estrada a San Andrés de Teixido e seguir os carteis que colocarán nos cruces para achegarse en coche ata as proximidades do curro, na Serra da Capelada. Estes días os organizadores están xa a reunir os animais, unha tarefa que non é doada porque están ceibes por unha extensión de terreo moi grande. A teor do acontecido no ano 2019, poderían reunirse máis de 200 bestas.

Desde a entidade San Andrés agradécese a colaboración desinteresada que presta a asociación A Crina e apuntan que sen a súa participación sería imposible organizar a rapa. Contan tamén co apoio do Concello de Cedeira, que asina cada ano un convenio de colaboración coa entidade, dotado con 3.500 euros e que desta volta foi fundamentalmente empregado na renovación do peche do recinto.

A rapa das bestas é unha tradición ancestral en Galicia e en Cedeira. Desde o Concello de Cedeira destacan a importancia de coidar e manter este costume, no que se pon de manifesto o papel fundamental dos cabalos, como sucede coas vacas, para a conservación da Serra da Capelada. É tamén unha actividade que garante a pervivencia da raza galega e que garda a forma de coidar os animais que xa practicaban os antergos dos actuais “besteiros”.