Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O Concello aprobou unha bonificación do 50% no IBI polo aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar

O CONCELLO APROBOU UNHA BONIFICACIÓN DO 50% NO IBI POLO APROVEITAMENTO TÉRMICO OU ELÉCTRICO DA ENERXÍA SOLAR

O pleno do Concello de Cedeira, na sesión celebrada na tarde de onte, aprobou por unanimidade rebaixar a carga impositiva aos propietarios de vivendas que opten polo uso de paneis solares para o consumo de luz e auga quente. Así, a partir de agora os bens inmobles que teñan instalados sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía procedente do sol terán unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto o primeiro ano, e dun 25% o segundo ano. A medida está vinculada á instalación destes sistemas durante os primeiros anos da súa posta en funcionamento e nos casos que non veña imposta por obriga legal o regulamentaria. Tamén está condicionada a que as instalacións para a produción de calor engadan colectores homologados pola administración competente.

O goberno municipal pretende así seguir a introducir criterios medioambientais nas respectivas ordenanzas fiscais que o permitan -xa existe unha redución do 50% no imposto rodaxe pola compra de coches eléctricos- para tratar de sensibilizar á cidadanía sobre o emprego de enerxías alternativas ou menos contaminates, como no caso dos vehículos.

O pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova) pola que se insta a Área Sanitaria de Ferrolterra a solucionar as carencias de persoal sanitario que, durante todo o ano pero de maneira máis especial durante os periodos vacacionais, está a xenerar continuas queixas entre os usuarios da sanidade pública. A corporación entende que o servizo que se está a dar en Cedeira -con feitos como o de ter que compartir pediatra co Concello de Valdoviño, tal e como aconteceu o pasado verán, non dispoñer dun facultativo de reforzo e deixar sen cubrir as baixas- merman as prestacións que reciben os usuarios do Sergas, polo que se demanda dos seus responsables que se adopten as medidas necesarias para corrixir as deficiencias sinaladas.

Pola vía de urxencia, o pleno sacou adiante por unanimidade unha moción tamén presentada polo equipo de goberno pola que o Concello de Cedeira se incorpora á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, rexeita a xestión por parte da Fundación Nacional Francisco Franco do programa de visitas á que aínda hoxe é residencia de verán da familia Franco e apoia ao Concello de Sada na súa demanda de facerse cargo delas. A corporación entende que a “adquisición do pazo aos herdeiros da Condesa de Pardo Bazán foi un roubo e un espolio continuado” e os metodos que se utilizaron “fraudulentos”.

O pleno aprobou finalmente como festas locais cara ao próximo ano os días 13 de xuño e 26 de xullo, festividades de San Antón e Santa Ana, respectivamente.

Os concellos de Ortegal estudan as medidas concretas que sirvan para impulsar o xeoparque

OS CONCELLOS DE ORTEGAL ESTUDAN AS MEDIDAS CONCRETAS QUE SIRVAN PARA IMPULSAR O XEOPARQUE

Os alcaldes de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Valdoviño e San Sadurniño reuníronse o pasado xoves na Casa do Concello deste último concello para abordar o proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal e, máis concretamente, a fórmula colaborativa que se encargará de poñer en marcha o plan director e iniciar a tramitación da candidatura.

A Deputación da Coruña mostrou o seu interese en implicarse economicamente no proxecto e, neste sentido, dentro duns días celebrarase un novo encontro entre cargos políticos dos sete Concellos promotores (tamén está Ortigueira) e do ente provincial coa asistencia de persoal técnico. A finalidade desta reunión será darlle o impulso definitivo ao proxecto co obxectivo de iniciar en xaneiro o proceso de recoñecemento ante o Comité Español de Xeoparques como paso previo á verificación por parte da Unesco.

Segundo comentaron os rexedores municipais á saída da reunión, case con total seguridade optarase a construír unha entidade integrada polos municipios e fiscalizada pola Deputación. Por outra banda, tamén se prevé sinalizar as zonas e rutas de maior interese, ademais de levar adiante intervencións que axuden a facer do proxecto o que é noutros lugares: un atractivo turístico para o público xeral e especializado, así como conformar un factor de dinamización socioeconómica das comunidades onde se asenta.

Por estes motivos, o que máis urxe nestes momentos é a disposición dun plan rector para iniciar a tramitación efectiva da candidatura en xaneiro do próximo ano. A parte de identificación técnica do valor xeolóxico xa está lista, tal e como indican, co traballo levado a cabo polo experto Francisco Canosa e a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal.

Fonte: Diario de Ferrol
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Os concellos de Ortegal estudan as medidas concretas que sirvan para impulsar o xeoparque

 

A Xunta fai efectivo o acordo co concello para investir máis de 700.000 euros na rede de saneamento

A XUNTA FAI EFECTIVO O ACORDO CO CONCELLO PARA INVESTIR MÁIS DE 700.000 EUROS NA REDE DE SANEAMENTO

No marco do convenio de colaboración asinado entre o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil,e a concelleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, en xullo de 2016 para tratar de mellorar o tratamento de augas residuais no municipio, Medio Ambiente anunciou onte, a través do Diario Oficial de Galicia, a licitación da primeira fase do proxecto de intervención na rede municipal de saneamento da localidade.

Con cargo a un investimento de 733.650,71 euros -cantidade que será aportada entre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente- acometerase a construción dunha nova red separativa de pluviais a fin de liberar os actuais colectores para o transporte exclusivo das residuais. Esta intervención completarase coa reposición dun tramo do colector que parte do polígono industrial da Xunqueira e descorre en paralelo á ribeira co río. Desta maneira, trátase de evitar posibles filtracións ao terreo e aos pozos existentes na zona. O prazo de execución previsto é de nove meses e as empresas que poidan estar interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 19 do próximo mes de outubro.

O equipo de goberno de Cedeira, que valora moi favorablemente a decisión adoptada pola Xunta, recorda que un dos obxetivo do executivo local para o presente mandato é mellorar o funcionamento da rede de separativa na vila e dotar de saneamento ás parroquias para así contribuír á conservación do medio ambiente e incrementar a calidade de vida da veciñanza.

Esta política, que este ano xa deu lugar á mellora realizada na rúa As Pontes de García Rodríguez, supón unha inversión no seu conxunto de 1.133.500 euros, unha cantidade destiñada á execución dun total de cinco grandes proxectos. Ademais do xa executado, están incluídos os que levarán a cabo nas Pontigas, en Casal de María e Vila do río e nas rúas Paz, Silva e Floreal.