Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

Inicio das clases de zumba

INICIO DAS CLASES DE ZUMBA

O Concello de Cedeira informa do inicio das clases de zumba que, xunto ás de manualidades, pintura, confección de tapices, memoria e ximnasia terapéutica, forman parte do programa de actividades organizado polas concellerías de Cultura e Servizos Sociais para a presente temporada.

As clases, que deron comezo o pasado luns día 4, impartiranse regularmente os luns, mércores e venres na Sala Áncora, a partir das once da mañá.

Cedeira enche o inverno de obradoiros de pintura, memoria, ximnasia e tapices

CEDEIRA ENCHE O INVERNO DE OBRADOIROS DE PINTURA, MEMORIA, XIMNASIA E TAPICES

O Concello de Cedeira enche o inverno de actividades gratuítas promovidas polas concellerías de Cultura e Servizos Sociais que, ademais de impartirse na vila, se trasladarán ás parroquias de Esteiro, Montoxo, Santalla e este ano, por primeira vez, tamén á de San Román. O programa inclúe pintura, manualidades, obradoiro de tapices, memoria e ximnasia terapéutica. O taller de tapices, polo de agora, só se fará na vila, e será os luns, en horario de catro a sete da tarde, no Palacete Municipal.

Desde o equipo de goberno se destaca a ampliación do programa coa incorporación da parroquia de San Román así como o incremento das propostas de ocio coa primeira edición do obradoiro de tapices. Esta última iniciativa vén de ter unha gran acollida por parte da veciñanza, e xa ten lista de espera. Tamén é intención do goberno completar estas convocatorias con clases de baile activo-zumba, que darán comezo un pouco máis adiante.

Os horarios son os seguintes:

Pintura, en Cedeira (nas Sindicais) os luns e martes de 10.00 a 13.00 horas, os mércores de 18.30 a 21.00 horas e os xoves de 19.00 a 21.30 horas . No Colexio Nicolás del Río serán os venres, entre as 16.00 e as 18.00 horas.
En Santalla, as clases de pintura serán os mércores de 16.00 a 18.00 horas; en Montoxo, os venres de 18.30 a 21.30 horas, e en San Román os venres pola mañá, de 10.30 a 12.30 horas.
Manualidades, en Cedeira (praza da Reitoral) os martes e venres en horario de 19.00 a 21.00 horas.
Memoria, en Cedeira (na biblioteca da cafetería do auditorio) os luns e venres ás 16.00 horas e ás 17.30 horas; en Esteiro-Saa, os mércores e xoves ás 16.00 horas; en Esteiro-Sisalde, martes ás 16.00 horas e mércores ás 17.15 horas; en Montoxo os martes e xoves ás 17.15 horas; en Santalla os martes e xoves ás 18.30 horas, e en San Román os luns e venres ás 17.30 horas.
Ximnasia terapéutica, en Cedeira (biblioteca da cafetería do auditorio) os martes ás 11.00 horas e tamén os martes, ás 9.45 horas, en Esteiro, mentres que os xoves serán en Montoxo, San Román e Santalla, ás 9.30, 10.45 e 12.00 horas, respectivamente.

 

Cedeira inviste máis de 12.400 euros en substituír as 32 luminarias do pavillón por outras de maior potencia

CEDEIRA INVISTE MÁIS DE 12.400 EUROS EN SUBSTITUÍR AS 32 LUMINARIAS DO PAVILLÓN POR OUTRAS DE MAIOR POTENCIA

O Concello de Cedeira vén de mellorar a iluminación do pavillón polideportivo substituíndo as luminarias actuais por outras de maior potencia. É a resposta do goberno municipal á demanda que viñan realizando tanto os usuarios como os clubs que utilizan as devanditas instalacións para os seus adestramentos e competicións. Esta reclamación ten o seu orixen no ano 2013 cando as luminarias de 400 w foron reemplazadas polas que agora acaban de se retirar.

O proxecto, polo tanto, consistiu na substitución das 32 luminarias actuais de 108 w de potencia por outras de 200, unha mellora que se fixo en base ao estudo lumínico realizado en 2018 pola empresa Grupo Energal para garantir unha visibilidade óptima para o desenvolvemento das actividades deportivas.

A obra, xa executada, foi realizada pola empresa Hallamann Energy e o seu importe ascendeu a 12.465,13 euros. Trátase de luminarias tipo campana, Factory 200 w 5500k.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a satisfacción que a día de hoxe existe entre os usuarios do pavillón e o goberno local pola cobertura e a garantía que representa a obra executada cara á celebración de competicións e mesmo adestramentos nunhas instalacións fundamentais para o deporte local. Moreda recordou que a esta situación se chega pola decisión do anterior goberno de rebaixar a potencia, “deixando en precario a luminosidade da pista polideportiva”.