Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

O GOBERNO LOCAL ADXUDICA MÁIS DE 24.500€ EN AXUDAS ÁS ENTIDADES DEPORTIVAS DA VILA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou a concesión das axudas a entidades e clubs deportivos da vila, nun ano no que, tal como subliñou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “temos que recoñecer especialmente o esforzo que fan para manter o pulso”. “Neste ano atípico e complicado, desde o Concello renovamos a nosa aposta polo deporte e queremos estar ao máximo ao lado dos clubs e dos seus deportistas”, destacou.

A convocatoria para este 2020, co mesmo orzamento que no exercicio anterior, resolveuse co reparto de 23.010€ no apartado de actividades e 1.500€ no de investimentos. En total a administración local inxecta 24.510€ nos clubes cedeireses, por unha parte para o sostemento das súas escolas, adestramentos, organización ou participación en competicións, etc, e por outra para a compra de materiais e equipos inventariables.

Así, o Cedeira S.D., o Club Natación Cedeira e o Club de Remo Cedeira reciben senllas axudas de 7.000€, o máximo previsto, no apartado de actividades. No mesmo tamén concedéronse 1.500€ ao Cedeira Tenis Club e 510€ ao Club Discalzas.

En canto á convocatoria para investimentos, a única solicitude foi a do Club de Remo Cedeira, que recibe 1.500€.

Foron desestimadas as solicitudes do Cedeira Basketball Street en ambas as dúas categorías por non reunir a documentación precisa.

As subvencións a entidades deportivas concédense en réxime de concorrencia competitiva tendo en conta conta criterios como o número de nenos e nenas que participan nas escolas de deporte base, o fomento da participación feminina, a organización de torneos ou eventos, o número de técnicos e de deportistas federados, etc.

O CONCELLO DE CEDEIRA ESTABLECE O PROTOCOLO DE ACTUACIÓN FRONTE Á COVID-19 EN INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS PARA O CURSO 2020-2021

Seguindo as medidas de seguridade sanitaria e as instrucións establecidas na Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, o Concello de Cedeira establece o seguinte protocolo para o comezo do curso 2020-2021 das escolas deportivas e, en xeral, para o uso das instalacións deportivas.

DESCARGA PROTOCOLO DE ACTUACIÓN FRONTE Á COVID-19 EN INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE CEDEIRA PARA O CURSO 2020-2021

Obxecto
Este documento pretende regular a actividade deportiva nas instalación municipais para o curso académico 2020-2021, adoptando as medidas hixiénico-sanitarias e de prevención necesarias para facer fronte á pandemia provocada pola COVID-19 conforme ao disposto polas autoridades sanitarias e deportivas.

Ámbito de aplicación
Este protocolo será de obrigado cumprimento por parte dos usuarios e deportistas que fagan uso das instalacións deportivas municipais que se enumeran a continuación:

  • Polideportivo Municipal: Pista polideportiva, piscina, sala de usos múltiplos e ximnasio.
  • Pista de pádel e tenis anexas ao polideportivo municipal.
  • Campo de fútbol

Será plenamente vinculante, sen prexuízo das normas que se publiquen por parte das autoridades competentes durante o transcurso da pandemia.

As entidades deportivas e asociacións que fagan uso das instalacións deportivas municipais, previa solicitude, deberán entregar a “declaración responsable e aceptación de condicións de uso de instalacións deportivas municipais e de información sobre a COVID-19” (ANEXO III).

As actividades que se poden desenvolver nas instalacións deportivas mencionadas anteriormente son aquelas reguladas no presente documento, e que, previamente, sexan autorizadas pola Concellería de Deportes.

Curso Entrenador Nacional en Surfing Nivel I

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da Deputación da Coruña organiza un curso de monitores de surf impartido pola Federación Galega de Surf.

O curso, conducente á obtención do título oficial “Entrenador Nacional en Surfing Nivel I” desenvolverase en Valdoviño en outubro e novembro deste ano e conta cun total de 12 prazas gratuítas reservadas a persoas empadronadas en calquera dos 21 concellos que compoñen o destino turístico Ferrolterra-Rías Altas (Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior).

A inscrición poderá realizarse entre o luns día 5 de outubro ás 8:00 e o xoves 8 de outubro ás 12:00 no formulario dispoñible na web da Federación Galega de Surf ou no seguinte enlace:
https://forms.gle/2BM7LZZ2TqMdEH4v7

As prazas asignaranse por rigoroso orde de inscrición, e estarán condicionadas á superación dunha proba de acceso.

Pódese a ampliar a información na web da Federación Galega de Surf:
http://www.fgsurf.org/