O GOBERNO LOCAL ADXUDICA MÁIS DE 24.500€ EN AXUDAS ÁS ENTIDADES DEPORTIVAS DA VILA
A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou a concesión das axudas a entidades e clubs deportivos da vila, nun ano no que, tal como subliñou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “temos que recoñecer especialmente o esforzo que fan para manter o pulso”. “Neste ano atípico e complicado, desde o Concello renovamos a nosa aposta polo deporte e queremos estar ao máximo ao lado dos clubs e dos seus deportistas”, destacou.
A convocatoria para este 2020, co mesmo orzamento que no exercicio anterior, resolveuse co reparto de 23.010€ no apartado de actividades e 1.500€ no de investimentos. En total a administración local inxecta 24.510€ nos clubes cedeireses, por unha parte para o sostemento das súas escolas, adestramentos, organización ou participación en competicións, etc, e por outra para a compra de materiais e equipos inventariables.
Así, o Cedeira S.D., o Club Natación Cedeira e o Club de Remo Cedeira reciben senllas axudas de 7.000€, o máximo previsto, no apartado de actividades. No mesmo tamén concedéronse 1.500€ ao Cedeira Tenis Club e 510€ ao Club Discalzas.
En canto á convocatoria para investimentos, a única solicitude foi a do Club de Remo Cedeira, que recibe 1.500€.
Foron desestimadas as solicitudes do Cedeira Basketball Street en ambas as dúas categorías por non reunir a documentación precisa.
As subvencións a entidades deportivas concédense en réxime de concorrencia competitiva tendo en conta conta criterios como o número de nenos e nenas que participan nas escolas de deporte base, o fomento da participación feminina, a organización de torneos ou eventos, o número de técnicos e de deportistas federados, etc.