Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O MUSEO MARES APOIA A INVESTIGACIÓN DOS RESTOS DUN BUQUE AFUNDIDO NA COSTA DE CEDEIRA EN 1709

A comisión de seguimento do Museo Mares, integrada polo Concello, a Confraría de Pescadores e a Asociación Mares de Cedeira, acordou recentemente darlle o seu apoio ao proxecto presentado polo grupo de investigación Áncora para localizar e recuperar os restos da fragata-correo “San Juan Bautista”, que naufragou no ano 1709 ás portas da ría cando trataba de buscar refuxio no porto local fuxindo da piratería. O alcalde, Pablo Diego Moreda, destacou que a proposta encaixa coa finalidade do Museo Mares, que é “poñer en valor a ligazón entre o pobo e o mar e coñecer mellor as grandes e pequenas historias vencelladas ao noso pasado e presente mariñeiro”.

Desde o Museo, a técnica Lucía Brage explica que o naufraxio do “San Juan Bautista” é un capítulo inédito e moi interesante tanto polo propio pecio como polas circunstancias nas que se produciu. Era un dos primeiros navíos “de aviso”, chamados así por ser barcos pequenos e rápidos, construídos para facer chegar o correo desde as Indias ata España. O buque procedía do Virreinato do Perú e é excepcional que navegara por estas costas, porque habitualmente estes barcos dirixíanse a Sevilla ou os portos do sur.

Coñecemos detalles do naufraxio grazas ao procedemento que lle abriron ao capitán, o vasco Francisco Sorarte, pola perda do correo da Coroa. Naquel expediente consta que o barco fuxía dos piratas e trataba de entrar na ría de Cedeira no medio dun forte temporal que terminou por levalo contra as rochas nunha zona situada entre Pedras Brancas e a pena denominada Con Cagado. As xentes de Cedeira saíron socorrer a tripulación e conseguiron, de feito, salvar a todos os homes salvo un, así como gran parte da carga, que no medio da tormenta puxeron a salvo na capela de San Antonio.

O arqueólogo David Fernández Abella é o director do equipo Áncora, no que están tamén buzos profesionais e restauradores. O seu obxectivo fundamental é localizar o lugar no que se afundiu o “San Juan Bautista” e non tanto dar cos restos completos do navío ou recuperar algunha das súas pezas. A previsión é realizar a campaña de inmersións na próxima primaveira.