Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INICIA UN ESTUDO DA SITUACIÓN AMBIENTAL DUN TRAMO DE 5 KM DO RÍO CONDOMIÑAS

O Concello de Cedeira vai levar adiante un estudo da situación do leito fluvial do Río Condomiñas nun treito de aproximadamente cinco quilómetros, curso arriba desde a Ponte da Acea ata pasado o muíño de Chimparra. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o traballo porase en marcha nos vindeiros días e servirá para a posterior redacción dun proxecto técnico de acondicionamento ambiental deste tramo do río. “A idea é contar cun documento técnico que proporcione o coñecemento real e sobre o terreo da situación de partida, para definir as actuacións a realizar”.

O alcalde explicou que o informe vai aportar unha visión integradora do río. Así, abordará o estudio hidráulico, hidrolóxico, xeolóxico e ambiental do Condomiñas, cun levantamento topográfico de detalle do cauce e as súas marxes. Estes aspectos serán completados tamén cunha investigación dos elementos do patrimonio histórico, cultural ou etnográfico que existen ao longo do treito a analizar.

Moreda Gil explicou que unha vez estea listo o informe, dividirase a zona de actuación en tres tramos de similar lonxitude e complexidade, coa finalidade de facilitar ao Concello a posta en marcha de sucesivas fases, en función das posibilidades orzamentarias, coas que ir avanzando no acondicionamento ambiental do río.

Agradementos

Moreda Gil agradeceu en nome do Concello a colaboración que prestan nesta e outras actuacións no eido do medio ambiente a Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE) e o Club Candieira, e fixo mención especial da axuda que prestou o biólogo cedeirés Antón Pérez Cribeiro na definición deste proxecto, como gran coñecedor que é da zona. O alcalde fixo extensivo o agradecemento ao Concello da Coruña, onde traballa como técnico Pérez Cribeiro, por permitir e facilitar o seu apoio.

“O río Condomiñas e a ría son o patrimonio máis valioso de Cedeira e queremos preservalo e recuperalo alí onde estea deteriorado”, comentou o alcalde. Ao fío da realización deste estudo de situación do cauce fluvial, Moreda Gil recordou a recente iniciativa do Concello de poñer ao pé de varios sumidoiros das zonas peonís da vila a mensaxe “A ría comeza aquí. Axuda a mantela limpa”, coa que se quere sensibilizar á cidadanía sobre a importancia que teñen as súas accións para o coidado de medio ambiente.