Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ENTREGOU 18 NOVOS COMPOSTEIROS A OUTRAS TANTAS FAMILIAS DA VILA

O Concello de Cedeira fixo entrega esta semana, nun acto celebrado no Auditorio Municipal, de 18 composteiros a outras tantas familias da vila que van utilizalos para aproveitar de xeito eficiente os residuos orgánicos da casa, converténdoos en abono para a terra. O goberno local iniciou no ano 2016 o Programa de Compostaxe Doméstico, en colaboración con Sogama, e actualmente son preto de 200 os fogares cedeireses que se adheriron ao mesmo.

Previo á entrega dos composteiros impartiuse, por parte de técnicos de Sogama, un breve cursiño sobre o correcto uso dos mesmos e os seus beneficios. Trátase de volver a un método tradicional para a fabricación de abono, aproveitando os residuos orgánicos da casa, que adoitan ser o 40% do total. É un sistema que ten claras vantaxes meioambientais e tamén económicas.

O Concello de Cedeira dispón de máis composteiros, da partida de 30 que recibiu o pasado mes de setembro, para as familias da vila que conten con xardín ou horta. As interesadas teñen que cubrir o modelo de solicitude que está colgado na web do Concello, no apartado de Medio Ambiente, e presentalo en rexistro (aberto de 09.00 a 14.00 horas) ou ben na sede electrónica – sede.cedeira.gal- ou por correo electrónico -correo@cedeira.gal-. Darase prioridade aos veciños que non tiveran participado no programa en anos anteriores.

Os composteiros son resistentes á intemperie e de sinxelo montaxe e mantemento. Están deseñados para minimizar os cheiros e controlar mellor a condicións idóneas para facer o compost.

Na seguinte ligazón pódese descargar o modelo de solicitude:

https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2020/09/MODELO-SOLICITUDE-COMPOSTEIRO.pdf.pdf