Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO SACA A LICITACIÓN A MELLORA DE CATRO CAMIÑOS MUNICIPAIS CUN INVESTIMENTO DE 89.544€

O Concello de Cedeira acaba de sacar a licitación o proxecto “Conservación dos camiños O Beco, A Painceira, Santallamar e outros”, cun orzamento de 89.534,65€ (IVE incluído). O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que a intervención servirá para estender a rede de recollida de augas pluviais e mellorar o firme, e por tanto a seguridade vial, de catro viais en diferentes puntos do municipio. “Manter e mellorar a rede viaria de titularidade municipal é sempre unha prioridade para o goberno municipal, tamén nun ano atípico como este, no que imos realizar máis investimentos para seguir avanzando neste eido”, comentou.

O proxecto contempla a mellora de catro camiños que suman 1,25 quilómetros. O Beco é o primeiro deles e vai desde a AC-566 á altura da estación de servizo ata o lugar de O Coto. Neste percorrido, de 400 metros de longo e de catro metros de ancho, vaise executar a rede de pluviais ao longo da gabia, sobre a que tamén se creará unha senda peonil. No vial estenderase unha nova capa de asfalto.

O segundo camiño no que se vai actuar é no da Painceira, que comunica este lugar con San Andrés de Teixido. O vial ten 400 metros de longo e 3,50 de ancho, e a actuación vai consistir na limpeza das gavias e a instalación da rede de recollida de pluviais, así como na actualización da capa de rodadura.

Os camiños de Santallamar, que percorre 350 metros desde o Paseo Real da Magdalena ata a estrada AC-566, e o do Cancelo, que parte da carretera da Corredoira e conecta cunhas casas a 100 metros, serán tamén obxecto de mellora. Nestes casos limparanse as gabias en ambas marxes e estenderase unha nova capa de asfalto.

A licitación segue o procedemento aberto simplificado e as empresas poden presentar as súas ofertas ata o 27 de outubro.