Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COVID-19

CEDEIRA INSTA Á XUNTA A CREAR, CON DEPUTACIÓNS E CONCELLOS, UN FONDO DE RESCATE DA HOSTALERÍA E O TURISMO

O pleno da corporación cedeiresa aprobou unha moción na que insta á Xunta de Galicia a acordar coas deputacións e os concellos, “dende o diálogo e o respecto á autonomía local”, un plan de rescate para a hostalería e o turismo. A proposta, que foi aprobada cos votos a favor do PSOE e o BNG e coa abstención do PP, contempla que a Xunta, as deputacións e os concellos de máis de 20.000 habitantes acheguen o 1% dos seus presupostos e que o resto dos concellos aporten de xeito proporcional ao peso que teñan en cada un estes sectores.

A moción recorda que desde a Deputación da Coruña, Valentín González Formoso xa propuxo hai nove meses a creación dunha mesa de coordinación das diferentes administracións para facer frente á pandemia. Evitar duplicidades e ser máis eficientes é o obxectivo da proposta, na que se alude ao modelo alemán, onde cada medida de prevención dos contaxios leva aparellada a disposición de recursos para facer efectivas as axudas aos sectores afectados.

“As dificultades son de especial importancia entre aquelas empresas e autónomos que ven limitada a súa actividade polas restricións derivadas da pandemia”, apunta o texto da moción, que recorda que o Goberno central inxectou 224,10 millóns de euros no ano 2020 á Xunta e que acaba de anunciar o reparto doutros 441 millóns a través dos fondos europeos para a reactivación.

A situación epidemiolóxica actual “require a acción dun goberno responsable, con anticipación e prudencia o que necesariamente debe traducirse nunha revisión dos orzamentos que o 26 de xaneiro aprobou o Parlamento de Galicia, reorientando as partidas de gastos para rescatar aqueles sectores máis prexudicados”. O texto aprobado polo pleno cedeirés tacha de insuficiente o fondo de 50 millóns de euros anunciado pola Xunta para rescatar a un sector que, segundo recorda, achega o 10% do PIB da Comunidade Autónoma de Galicia.

OS CONCELLOS DA MANCOMUNIDADE ACORDAN MEDIDAS SOBRE O USO DOS PARQUES INFANTÍS ANTE O EMPEORAMENTO DA PANDEMIA

Os alcaldes dos nove municipios que forman parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol acordaron onte coordinar medidas respecto dos parques infantís no marco das restricións debidas á covid-19 e tendo en conta a gravidade da situación. Os rexedores analizaron conxuntamente as opcións en relación ao uso destes espazos dedicados ao lecer dos nenos e finalmente decantáronse maioritariamente por pechalos, de xeito que en Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Narón, Neda e Valdoviño non será posible acceder a eles.

Ao estudar o asunto tívose en conta que, se ben é importante que os concellos da Mancomunidade coordinen as súas decisións, cada un pode presentar características e situacións distintas e necesitar adoitar medidas diferentes, como nesta ocasión foi o caso de Mugardos, un dos municipios de menor extensión da provincia, polo que nese concello os parques infantís permanecerán abertos.

A orde da Xunta de Galicia do pasado martes establece que os parques infantís poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados da área total do recinto e que deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire á limpeza e desinfección diarias dos xogos e ou outro mobiliario urbano de uso compartido. Pero nesta ocasión os alcaldes tamén tiveron en conta a gravidade da situación que soporta a área sanitaria de Ferrol durante as últimas semanas e a necesidade perentoria de interromper a cadea de contaxios.

SUSPENSIÓN DAS ACTIVIDADES DEPORTIVAS DO POLIDEPORTIVO, DAS ACTIVIDADES CULTURAIS, E DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

RESOLUCIÓN DE ALCALDÍA “SUSPENSIÓN DAS ACTIVIDADES DEPORTIVAS DO POLIDEPORTIVO, DAS ACTIVIDADES CULTURAIS, E DA BIBLIOTECA MUNICIPAL.
Con esta resolución quedan en suspensión, a partir de hoxe martes 26 de xaneiro de 2021, as actividades deportivas do polideportivo, e as actividades culturais, do auditorio e da biblioteca municipal, durante un mínimo de tres semanas e en todo caso mentras continúen en vigor as restricións das autoridades sanitarias.