Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA INSTA Á XUNTA A CREAR, CON DEPUTACIÓNS E CONCELLOS, UN FONDO DE RESCATE DA HOSTALERÍA E O TURISMO

O pleno da corporación cedeiresa aprobou unha moción na que insta á Xunta de Galicia a acordar coas deputacións e os concellos, “dende o diálogo e o respecto á autonomía local”, un plan de rescate para a hostalería e o turismo. A proposta, que foi aprobada cos votos a favor do PSOE e o BNG e coa abstención do PP, contempla que a Xunta, as deputacións e os concellos de máis de 20.000 habitantes acheguen o 1% dos seus presupostos e que o resto dos concellos aporten de xeito proporcional ao peso que teñan en cada un estes sectores.

A moción recorda que desde a Deputación da Coruña, Valentín González Formoso xa propuxo hai nove meses a creación dunha mesa de coordinación das diferentes administracións para facer frente á pandemia. Evitar duplicidades e ser máis eficientes é o obxectivo da proposta, na que se alude ao modelo alemán, onde cada medida de prevención dos contaxios leva aparellada a disposición de recursos para facer efectivas as axudas aos sectores afectados.

“As dificultades son de especial importancia entre aquelas empresas e autónomos que ven limitada a súa actividade polas restricións derivadas da pandemia”, apunta o texto da moción, que recorda que o Goberno central inxectou 224,10 millóns de euros no ano 2020 á Xunta e que acaba de anunciar o reparto doutros 441 millóns a través dos fondos europeos para a reactivación.

A situación epidemiolóxica actual “require a acción dun goberno responsable, con anticipación e prudencia o que necesariamente debe traducirse nunha revisión dos orzamentos que o 26 de xaneiro aprobou o Parlamento de Galicia, reorientando as partidas de gastos para rescatar aqueles sectores máis prexudicados”. O texto aprobado polo pleno cedeirés tacha de insuficiente o fondo de 50 millóns de euros anunciado pola Xunta para rescatar a un sector que, segundo recorda, achega o 10% do PIB da Comunidade Autónoma de Galicia.