Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA INSTA Á XUNTA A DOTAR AOS CONCELLOS DE MÁIS RECURSOS NA LOITA CONTRA A COVID

O pleno da corporación cedeiresa aprobou na súa última sesión, cos votos a favor do PSOE e o BNG e o voto en contra do PP, unha moción na que se insta á Xunta de Galicia a crear un fondo extraordinario nos seus orzamentos para dotar aos concellos galegos de maiores recursos na loita contra o covid. A proposta, presentada polo Grupo Sociailista, establece que como mínimo dito fondo deberá contar con 100 millóns de euros para o presente 2021 e aposta polo seu reparto con criterios obxectivos entre as administracións locais.

A moción recorda que a loita contra a covid-19 levou aos concellos a asumir con fondos propios múltiples gastos de competencias impropias, como as desinfeccións dos colexios e centros de saúde ou a tramitación de expedientes sancionadores polo incumprimento das medidas de prevención. Apunta tamén que a Xunta ten aprobado varias normas que incrementan as obrigas e competencias das administracións locais “sen que en ningún caso lle teñan achegado o financiamento necesario” e subliña que, ao contrario, nos orzamentos presentados en novembro pasado polo goberno de Núñez Feijóo, redúcense os fondos para os concellos. “Todo elo a pesar de ter recibido uns fondos extraordinarios que para 2021 ascenden a 1.100 millóns de euros do Estado e da UE para combater a covid-19”.

O Grupo Parlamentario Socialista ten presentado xa unha emenda aos orzamentos galegos que pide o mesmo que a moción: que a Xunta poña en valor o traballo realizado polos concellos na loita contra a pandemia e cree un fondo extraordinario con 100 millóns de euros, como mínimo, para repartilo entre as administracións locais con criterios obxectivos.