Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COVID-19

“Cedeixura”, o novo proxecto de exaltación da pesca de baixura e do marisqueo cedeirés

A Confraría de Pescadores de Cedeira e o Concello local viron aprobado o seu proxecto “Cedeixura, visibilidade da calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo en Cedeira”, que se presentaba o pasado mes de marzo á convocatoria anual de axudas do GALP A Mariña Ortegal, na categoría de proxectos non produtivos.

Dado o seu impacto no territorio local e a implicación do propio sector no deseño das accións de promoción, Cedeixura obtivo unha alta puntuación na convocatoria, sendo subvencionada coa porcentaxe do 100% de financiamento e cun importe de axuda de 108.304,65 €. O proxecto ten un custe total de 127.668,09 €.

Un proxecto innovador e plurianual

O obxectivo xeral de Cedeixura é o de visibilizar a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo na costa de Cedeira, amosando a trazabilidade da extracción e comercialización e as súas garantías.

Tamén búscase a implicación da hostalería na posta en valor dos produtos mariños e ao tecido asociativo da vila para achegar a diversos públicos os beneficios da pesca sustentable como elemento de desenvolvemento económico.

Adaptación ao contexto Covid das accións de exaltación de produto

Cedeixura contemplaba así diversas actuacións nos anos 2020, 2021 e 2022, entre elas un plan de comunicación, audiovisuais do proceso de extracción e trazabilidade, eventos de demostración gastronómica -showcookings especializadas, festa da exaltación da pescada- ou a regata de traiñeiras como evento de promoción.

As accións que estaban previstas para ser executadas neste 2020, ao igual que gran número de proxectos desta e doutras convocatorias públicas, víronse afectadas pola situación da pandemia, como a regata de traiñeiras ou a celebración da Festa da pescada que se ía celebrar na vila por terceira edición consecutiva.

Neste momento, a Confraría acaba de presentar ao GALP A Mariña Ortegal un reaxuste de anualidades, para poder executar algunhas accións que estaban previstas en 2020 e que tiveron que ser suspendidas. A Confraría, xunto ao Concello de Cedeira solicita poder realizar estas accións en 2021, adaptándoas ademais ao novo contexto Covid. Este cambio será estudado na sesión da xunta directiva do GALP, prevista para o xoves 1 de outubro.

Fonte da noticia: www.enfoques.gal

IR Á LIGAZÓN DA NOTICIA “Cedeixura”, o novo proxecto de exaltación da pesca de baixura e do marisqueo cedeirés

Cedeira ordena os accesos ao areal da madalena para evitar posibles contaxios

O Concello de Cedeira está a organizar o fluxo de entrada e de saída de persoas da praia da Madalena para poñer freo aos riscos sanitarios fronte á Covid-19.

Hoxe mesmo daba comezo a obra de instalación de novas pasarelas de madeira que, situadas á altura da praza Roxa e na zona da Revolta, permitirán garantir a distancia entre persoas recomendada pola Consellería de Sanidade para evitar posibles contaxios. Deste xeito, cada acceso á praia terá unha prioridade de paso peonil, ben de entrada ou de saída.

O proxecto xurde, segundo o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, “da necesidade de adoptar estratexias destinadas a controlar a propagación do virus, especialmente nun municipio costeiro cunha alta demanda turística como é o noso, ademais de representar unha mellora significativa na accesibilidade do areal”. Moreda Gil reiterou así mesmo a prioridade que para o executivo local representa a realización de obras que axuden a mellorar a mobilidade das persoas.

En cuestión de días, na contorna da Praza Roxa comezará a funcionar unha estrutura dobre de madeira, en forma de “U”, que permitirá ordenar o circuíto de entrada e saída desde o paseo marítimo. Esta vía será prioritaria para persoas con discapacidade, mobilidade reducida ou maiores, que forman parte dos grupos de risco fronte á Covid-19.

O segundo punto, paralelo ao Rego da Veiga desde a zona coñecida como A Revolta, contará cunha nova pasarela que prolonga varios metros á xa existente e que será utilizada unicamente como vía de saída desde a franxa central do areal.

A intervención completarase coa instalación de carteis informativos para axudar á adaptación da veciñanza e mesmo dos visitantes a estas novas medidas organizativas. Os carteis colocaranse en distintos puntos de accesos á praia.

O Concello de Cedeira contou coa colaboración económica de Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a realización dunha obra, cuxo importe superou os 13.800 euros. O convenio firmouse esta mesma semana.

A Comisión de Xestión da Crise Sanitaria da Covid-19 da Xunta de Galicia ven de aprobar o Plan de reactivación no ámbito infantoxuvenil en relación coa infección polo virus SARS-CoV 2

Este documento ten como obxetivos:

  • Establecer o marco de actuación para a toma de decisións durante o proceso de reactivación dos centros.
  • Definir as liñas de actuación de vixilancia, prevención e control para a fase de reactivación no ámbito infantoxuvenil.

Na seguinte ligazón pode accederse ao documento íntegro:

IR Á LIGAZÓN Plan de reactivación no ámbito infantoxuvenil en relación coa infección polo virus sars-cov 2