Cedeira ordena os accesos ao areal da madalena para evitar posibles contaxios
O Concello de Cedeira está a organizar o fluxo de entrada e de saída de persoas da praia da Madalena para poñer freo aos riscos sanitarios fronte á Covid-19.
Hoxe mesmo daba comezo a obra de instalación de novas pasarelas de madeira que, situadas á altura da praza Roxa e na zona da Revolta, permitirán garantir a distancia entre persoas recomendada pola Consellería de Sanidade para evitar posibles contaxios. Deste xeito, cada acceso á praia terá unha prioridade de paso peonil, ben de entrada ou de saída.
O proxecto xurde, segundo o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, “da necesidade de adoptar estratexias destinadas a controlar a propagación do virus, especialmente nun municipio costeiro cunha alta demanda turística como é o noso, ademais de representar unha mellora significativa na accesibilidade do areal”. Moreda Gil reiterou así mesmo a prioridade que para o executivo local representa a realización de obras que axuden a mellorar a mobilidade das persoas.
En cuestión de días, na contorna da Praza Roxa comezará a funcionar unha estrutura dobre de madeira, en forma de “U”, que permitirá ordenar o circuíto de entrada e saída desde o paseo marítimo. Esta vía será prioritaria para persoas con discapacidade, mobilidade reducida ou maiores, que forman parte dos grupos de risco fronte á Covid-19.
O segundo punto, paralelo ao Rego da Veiga desde a zona coñecida como A Revolta, contará cunha nova pasarela que prolonga varios metros á xa existente e que será utilizada unicamente como vía de saída desde a franxa central do areal.
A intervención completarase coa instalación de carteis informativos para axudar á adaptación da veciñanza e mesmo dos visitantes a estas novas medidas organizativas. Os carteis colocaranse en distintos puntos de accesos á praia.
O Concello de Cedeira contou coa colaboración económica de Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a realización dunha obra, cuxo importe superou os 13.800 euros. O convenio firmouse esta mesma semana.