Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O VI certame de pintura rápida “Vila de Cedeira” será o día 30 do presente mes de agosto

O Concello de Cedeira convoca para o día 30 o Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”, que este ano chega a súa sexta edición e co que o goberno municipal quere promocionar a cultura en xeral e a vila cedeirense en particular.

O concurso segue a manter as características das pasadas edicións, así como a contía dos premios, que chegan ata os 1.800 euros no seu conxunto. O primeiro clasificado recibirá 800 euros, mentres que o segundo obterá 600 e 400 euros serán para o terceiro.

A convocatoria dará comezo ás dez da mañá e finalizará sete horas máis tarde, ás cinco. O fallo do xurado darase a coñecer ás 18.00 horas e, a partir das 20.00, as obras non premiadas entrarán a formar parte dunha exposición que se poderá visitar na praza Roxa, fronte a Sala Áncora.

Trátase dunha iniciativa aberta á participación de afeccionados e profesionais, de estilo e temática libre e coa que o executivo local quere estimular a creatividade e a promoción da vila a través dunha das creacións artísticas máis versátiles, a pintura. A idea é capturar unha paisaxe, un recuncho ou unha estampa da localidade nunha obra pictórica realizada “in situ” e durante as sete horas de duración do certame.

As bases do concurso poderanse consultar, a partir de hoxe mércores, na páxina web do Concello (http://www.cedeira.gal).

Un total de 20 persoas tomaron parte na pasada edición, na que Néstor López Casas, de Xixón, acadou o primeiro premio.