Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“Cedeixura”, o novo proxecto de exaltación da pesca de baixura e do marisqueo cedeirés

A Confraría de Pescadores de Cedeira e o Concello local viron aprobado o seu proxecto “Cedeixura, visibilidade da calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo en Cedeira”, que se presentaba o pasado mes de marzo á convocatoria anual de axudas do GALP A Mariña Ortegal, na categoría de proxectos non produtivos.

Dado o seu impacto no territorio local e a implicación do propio sector no deseño das accións de promoción, Cedeixura obtivo unha alta puntuación na convocatoria, sendo subvencionada coa porcentaxe do 100% de financiamento e cun importe de axuda de 108.304,65 €. O proxecto ten un custe total de 127.668,09 €.

Un proxecto innovador e plurianual

O obxectivo xeral de Cedeixura é o de visibilizar a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo na costa de Cedeira, amosando a trazabilidade da extracción e comercialización e as súas garantías.

Tamén búscase a implicación da hostalería na posta en valor dos produtos mariños e ao tecido asociativo da vila para achegar a diversos públicos os beneficios da pesca sustentable como elemento de desenvolvemento económico.

Adaptación ao contexto Covid das accións de exaltación de produto

Cedeixura contemplaba así diversas actuacións nos anos 2020, 2021 e 2022, entre elas un plan de comunicación, audiovisuais do proceso de extracción e trazabilidade, eventos de demostración gastronómica -showcookings especializadas, festa da exaltación da pescada- ou a regata de traiñeiras como evento de promoción.

As accións que estaban previstas para ser executadas neste 2020, ao igual que gran número de proxectos desta e doutras convocatorias públicas, víronse afectadas pola situación da pandemia, como a regata de traiñeiras ou a celebración da Festa da pescada que se ía celebrar na vila por terceira edición consecutiva.

Neste momento, a Confraría acaba de presentar ao GALP A Mariña Ortegal un reaxuste de anualidades, para poder executar algunhas accións que estaban previstas en 2020 e que tiveron que ser suspendidas. A Confraría, xunto ao Concello de Cedeira solicita poder realizar estas accións en 2021, adaptándoas ademais ao novo contexto Covid. Este cambio será estudado na sesión da xunta directiva do GALP, prevista para o xoves 1 de outubro.

Fonte da noticia: www.enfoques.gal

IR Á LIGAZÓN DA NOTICIA “Cedeixura”, o novo proxecto de exaltación da pesca de baixura e do marisqueo cedeirés