Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: MonicaFdz

Cedeira instalará dous novos parques infantís, un no colexio Nicolás del Río e outro na escola infantil

CEDEIRA INSTALARÁ DOUS NOVOS PARQUES INFANTÍS, UN NO COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO E OUTRO NA ESCOLA INFANTIL

O Concello de Cedeira creará antes de que acabe o ano dous novos parques infantís. A súa execución dará comezo nuns días no colexio Nicolás del Río e na escola infantil. Hoxe mesmo a alcaldesa en funcións, María Xosé Rodríguez Pérez, acompañada por técnicos municipais e responsables da empresa adxudicataria, visitaba as zonas nas que se colocarán, ademais dun chan específico para este tipo de instalacións, un total de cinco xogos: tres no centro escolar e dous no da escola infantil.

O orzamento de adxudicación ascendeu a 30.050, 87 euros e o prazo de realización dos traballos quedou fixado en oito semanas. A obra será executada pola empresa Oziona Soluciones de Entretenimiento SL.

Rodríguez Pérez explicou que, no caso do Nicolás del Río, o proxecto inclúe ademais a instalación de dúas portas: unha para limitar o espazo de xogo do escolar e outra para evitar que os nenos poidan saír correndo á estrada que existe nas inmediacións do colexio.

O Concello colabora con AFAL Ferrolterra nunha xornada divulgativa sobre o alzheimer

O CONCELLO COLABORA CON AFAL FERROLTERRA NUNHA XORNADA DIVULGATIVA SOBRE O ALZHEIMER

O Concello de Cedeira colabora con AFAL Ferrolterra na celebración dunha xornada divulgativa, enmarcada nos actos do Día Mundial do Alzheimer, que terá lugar mañá martes na praza Roxa, ás 19.00 horas. Será neste entorno urbano no que o equipo de AFAL instalará unhas mesas informativas e paneis para sensibilizar á sociedade e, tamén, responder ás súas dúbidas sobre a enfermidade e o labor que se vén levando a cabo desde a asociación.

Posteriormente, a actividade trasladarase á sala Áncora, na que as técnicas de AFAL impartirán unha charla na que falarán do alzheimer e dos obradoiros para enfermos que leva a cabo a asociación no municipio de Cedeira coa axuda da administración local, tal e como recordou a concelleira de Servizos Sociais, Manuela López. Esta responsable sinalou que “seguimos intentando axudar en todo o que faga falla, non só cara aos enfermos senon tamén aos familiares dos doentes”. Estes talleres están abertos á participación de todas as persoas afectadas. Para iso, tan só deben poñerse en contacto con AFAL (na asociación rúa Río Castro, 43-45 baixo ou no teléfono 981 37 06 92) ou co departamento municipal de Servizos Sociais de Cedeira.

Neste sentido, a presidenta da entidade, Ana María López, quixo agradecer a implicación do Concello, tanto na organización dos obradoiros como da propia xornada de mañá, e invitou a todo o mundo a achegarse ata a praza Roxa e coñecer a asociación.

As xornadas continuarán en Meirás (Valdoviño), Ares e Pontedeume. Son estas, xunto a Cedeira, as vilas nas que AFAL está a desenvolver talleres para persoas afectadas á marxe dos centros de día que xestiona na cidade de Ferrol.

As obras do concurso de fotografía estarán expostas no Palacete a partir do día 15 de setembro

AS OBRAS DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ESTARÁN EXPOSTAS NO PALACETE A PARTIR DO DÍA 15 DE SETEMBRO

A partir do día 15 de setembro, o Palacete Municipal de Cedeira acollerá a exposición das obras premiadas na segunda edición do Concurso de Fotografías Obxectivo Cedeira, unha convocatoria na que tomaron parte un total de 22 participantes e da que resultou gañadora María Montserrat López García coa instantánea “Aí veñen”. Outra muller, Elena Abad Martínez, fíxose co segundo premio, coa obra denominada “Preparando la faena”. Alberto Couto, que o venres tamén leva a súa mostra “Nocturnalia” ao Palacete, quedou terceiro con “Sonreiras 1”.
Esta exposición compartirá espazo cos cadros gañadores da última edición do Concurso de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”. Neste caso, como se recordará, os participantes foron 25 e o primeiro premio foi para o artista de Cambados Eduardo Pérez Baamonde.

Primeiro premio Concurso de Fotografías Obxectivo Cedeira:

Segundo premio Concurso de Fotografías Obxectivo Cedeira:

Terceiro premio Concurso de Fotografías Obxectivo Cedeira: