Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

A cabalgata de reis sairá ás 18:00 horas do CEIP Nicolás del Río

A CABALGATA DE REIS SAIRÁ ÁS 18.00 HORAS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO

O venres 5 de xaneiro, a partir das 18:00 h. os Reis Magos visitarán Cedeira. A cabalgata sairá desde o CEIP Nicolás del Río cara ao Camiño Real da Magdalena. Na rúa San Sadurniño incorporarase á avda. de Castelao. Tomará dirección cara a praza de Galicia, dando unha volta ás pontes e voltando ata o Palacete Municipal onde a rapazada poderá compartir con eles as súas peticións. En caso de choiva, as súas maxestades irán directamente ao Palacete desde o CEIP. A continuación no pavillón do CEIP Nicolás del Río haberá chocolatada con roscón de reis e inchables para que as pequenas e pequenos se preparen para a súa noite máis máxica!

O Concello financia a compra da plataforma elevadora para a furgoneta da Asociación Sobre Rodas

O CONCELLO FINANCIA A COMPRA DA PLATAFORMA ELEVADORA PARA A FURGONETA DA ASOCIACIÓN SOBRE RODAS

O Concello de Cedeira recoñece o labor que a Asociación Sobre Rodas está a facer, dándolles visibilidade e prestándolles axuda ás persoas con discapa­cidade, colaborando economicamente na adaptación do vehículo adquirido pola entidade este mesmo ano.

O equipo de goberno asegura estar moi contento co traballo que fai a asociación no ámbito local e destacou de maneira moi especial o que realizan os voluntarios, entre os que se atopan os condutores do transporte adaptado. A pesar de todo, os recursos da entidade son bastante limitados, segundo apuntan os responsables municipais.

A corporación municipal aprobaba na última sesión plenaria por unanimidade unha subven­ción, por importe de 5.131 euros, para a compra da estrutura elevadora que habilitará a furgoneta para o transporte de persoas en cadeira de rodas.

O importe da axuda concedida garante o financiamento da plataforma que, segundo a presi­denta da entidade, Malena Pérez Villar, podería entrar en funcionamento nun prazo de quince días. Este servizo aumentará considerablemente os usuarios do vehículo adaptado, cuxo núme­ro de viaxes pode ser de máis de cen ao cabo dun mes. Pérez Villar agradeceu ao Concello a sensibilidade que está a mostrar coa xente con mobilidade reducida e recordou así mesmo que o traballo que desde o Concello se está a facer no campo da accesibilidade nas beirarrúas tamén é moi importante para mellorar o día a día das persoas con problemas de mobilidade. A entidade Sobre Rodas ten arredor de 490 socios.

Charla sobre ditos populares

CHARLA SOBRE DITOS POPULARES

A frases feitas e os refráns son parte importante da nosa lingua e de cotío recorremos a eles para expresar ideas que van máis alá do que as palabras que as conforman significan. Estes curiosos artefactos producidos polo enxeño popular válense moitas veces de nomes de persoas (como en ser un Xan) e nomes de lugares (como en facerse o de Covas) para encerrar un contido que acostuma gardar unha relación estraña coa expresión, unha relación que na maior parte das ocasións non temos clara. Será que houbo un Xan famoso por ter pouco carácter? Será que os de Covas son xente desentendida das cousas?

Para resolver este tipo de dúbidas, o Servizo de Normalización Lingüística pediulle ao noso querido veciño Álvaro Porto Dapena que nos ofrecera unha charla que titulou “O porqué dalgúns ditos con nome propio de persoa ou de lugar”. De seguro aprenderemos cousas interesantes e pasaremos un bo rato coa conversa amiga deste cedeirés que tanto sabe das palabras.

Sala da cafetería do Auditorio Municipal

28 de decembro, 19:00 h

Entrada Libre