Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

Charla sobre ditos populares

CHARLA SOBRE DITOS POPULARES

A frases feitas e os refráns son parte importante da nosa lingua e de cotío recorremos a eles para expresar ideas que van máis alá do que as palabras que as conforman significan. Estes curiosos artefactos producidos polo enxeño popular válense moitas veces de nomes de persoas (como en ser un Xan) e nomes de lugares (como en facerse o de Covas) para encerrar un contido que acostuma gardar unha relación estraña coa expresión, unha relación que na maior parte das ocasións non temos clara. Será que houbo un Xan famoso por ter pouco carácter? Será que os de Covas son xente desentendida das cousas?

Para resolver este tipo de dúbidas, o Servizo de Normalización Lingüística pediulle ao noso querido veciño Álvaro Porto Dapena que nos ofrecera unha charla que titulou “O porqué dalgúns ditos con nome propio de persoa ou de lugar”. De seguro aprenderemos cousas interesantes e pasaremos un bo rato coa conversa amiga deste cedeirés que tanto sabe das palabras.

Sala da cafetería do Auditorio Municipal

28 de decembro, 19:00 h

Entrada Libre

Festivais de corais

FESTIVAIS DE CORAIS

Esta será unha fin de semana intensa no que se refire a música coral no municipio de Cedeira. Dúas serán as citas que os veciños teñen cara aos próximos días no Auditorio Municipal como anticipo das moitas que chegarán da man da programación de Nadal. A partir das 20.00 horas de mañá sábado, o Auditorio abrirá as súas portas para acoller o festival organizado pola agrupación Eixil. Ao día seguinte, será a coral Virxe do Mar a que centrará toda a atención do público. Este encontro dará comezo ás 19.00 horas.

A biblioteca transládase durante os próximos seis meses a dúas salas do palacete municipal

A BIBLIOTECA TRASLÁDASE DURANTE OS PRÓXIMOS SEIS MESES A DÚAS SALAS DO PALACETE MUNICIPAL

Esta semana daban comezo as obras de ampliación da biblioteca de Cedeira, unha situación que fai inevitable o traslado temporal do servicio de lectura ao palacete municipal. O Concello habilitou no devantido edificio dúas salas, unha dedicada ao estudio e outra utilizada como oficina, para evitar molestias aos usuarios da biblioteca. Estes cambios xa están operativos.

O prazo de execución dos traballos, contratados por 207.000 euros á empresa Prace, Servi­cios e Obras SA, é de seis meses, período de tempo no que se manterá esta situación de provi­sionalidade.

O proxecto consiste no aproveitamento dunha vivenda, adquirida no seu día polo Concello, para a realización dun novo edificio de comunicación vertical, e na reforma da planta baixa -ago­ra ocupada polo Xulgado de Paz- co fin de incrementar as actuais dimensións da biblioteca, cuxa primixenia edificación foi construída no ano 1790 e acolleu a sede consistorial. Esta reforma dará lugar a un novo acceso peonil desde a rúa Consistorio, á habilitación dunha sala de estudo e á creación dun acceso en cada planta coa instalación e posta en funcionamento dun ascensor.

A obra tamén inclúe a mellora da iluminación existente coa colocación de lámpadas tipo led, tanto no teito como nos postos de lectura, así como a colocación de novos estantes e a repara­ción das actuais. Levarase a cabo así mesmo a instalación dun sistema contra incendios e a cons­trución dun aseo para persoas con discapacidade na primeira planta.

O goberno municipal pide compresión á veciñanza durante o tempo de duren unhas obras que, no seu día, foron valoradas polo executivo local como “as de maior transcendencia social” porque farán posible que a biblioteca sexa accesible para todo o mundo.