Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

Cedeira acolle este venres unha xornada informativa sobre a mediación

CEDEIRA ACOLLE ESTE VENRES UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE A
MEDIACIÓN

“¿Mediación?…tú decides” é o lema dunha xornada informativa que, con motivo do Día Europeo da Mediación (21 de xaneiro), se celebrará este venres na vila de Cedeira. O acto terá lugar no auditorio municipal, a partir das doce do mediodía. A entrada é libre e gratuíta.
A organización da convocatoria corre a cargo da Asociación de Ferrolterra de Mediación, que conta coa colaboración do Concello de Cedeira e das entidades veciñais “O Cruceiro” de Ferrol e Piñeiros de Narón.
A mediación, segundo a Unión Europea, facilita a solución de conflitos e contribúe a evitar as preocupacións e a perda de tempo e diñeiro asociados aos pleitos xudiciais o que, ademais, permite ao cidadán defender os seus dereitos con eficiencia.

Casal pide á veciñanza colaboración para depositar correctamente as caixas e embalaxes dentro dos contenedores de cartón

CASAL PIDE Á VECIÑANZA COLABORACIÓN PARA DEPOSITAR CORRECTAMENTE AS CAIXAS E EMBALAXES DENTRO DOS CONTEDORES DE PAPEL E CARTÓN

O goberno de Cedeira reitera a necesidade de contar coa colaboración da veciñanza para manter limpo o municipio e para facer rendibles os recursos públicos.

O concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal, sostén que “a limpeza dun barrio, vila ou ci­dade depende, en gran medida, dos medios que as institucións poñen a disposición dos cidadáns pero, sobre todo, do comportamento e actitude destes. Se é cívica, e seguen as pautas estable­cidas ou ditadas polo sentido común, o resultado é satisfactorio; de non ser así, a sensación de suciedade e abandono é evidente a primeira vista”.

Casal apunta, nesta ocasión, ao caso concreto do aspecto que presentan os contedores de papel e cartón “case sempre están a reverter e as caixas e embalaxes esparexidos polos seus arredores”. Esta situación, segundo o responsable de Medio Ambiente, case sempre leva im­plícita unha chamada ao Concello “para que veña o camión e os leve sen pararnos a pensar se fixemos o correcto cando os depositamos”. Casal entende que o compromiso dos veciños co seu municipio en materia de limpeza tamén pasa por se tomar a molestia de “pregar os envases de papel e cartón para reducir o volume e, polo tanto, conseguir que se tarden máis en encherse os colectores”.

Este elemental xesto, segundo o concelleiro, “é decisivo para que o contedor tarde máis en estar cheo, seguramente ata que toque vir recollelo, unha operación que sucede cada certo tem­po, en función do acordo que existe entre o Concello e a empresa adxudicataria, e que non se pode modificar a capricho”. Por todas estas cuestións, desde o goberno municipal prégase á cidadanía que “cumpra co seu deber e nós, desde a administración local, e sempre que sexa pre­ciso, incrementaremos o número de contedores postos a disposición de todos”.

Cedeira organiza unha exposición sobre un consumo crítico e responsable

CEDEIRA ORGANIZA UNHA EXPOSICIÓN SOBRE UN CONSUMO CRÍTICO E
RESPONSABLE

O Concello de Cedeira, a través da área de Medio Ambiente, está a promover unha exposición dedicada ao Consumo Crítico e Responsable. Trátase dunha mostra na que, a través de doce imaxes e outras tantas directrices, se intenta concienciar á cidadanía sobre a necesidade de substituír o actual modelo de consumo masivo e soportado por unha publicidade “insufrible e moitas veces enganosa” -en palabras do concelleiro Camilo Casal-, por outro sostible que debería estar baseado no uso masivo de enerxías renovables, no aforro e nos principios da ecoloxía (reducir, reutilizar e reciclar).

O goberno municipal invita á veciñanza a visitar a mostra que está aberta ao público no local municipal situado na praza da Marieta (antiga oficina de turismo). Desde a área de Medio Ambiente apúntase que “todos os cidadáns somos responsables deste suicidio masivo, pero uns máis que outros en función, en gran medida, do país no que vivimos”.