Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

A pedra Formosa é o quinto monumento deste tipo atopado en Galicia

A PEDRA FORMOSA É O QUINTO MONUMENTO DESDE TIPO ATOPADO EN GALICIA

A descuberta dos restos arqueolóxicos dun monumento con forno, tamén chamado pedra Formosa, no castro da Punta Sarridal en decembro de 2017, foi todo un achado non só para toda a veciñanza cedeiresa senón para todo o mundo da arqueoloxía. É o quinto monumento deste tipo atopado en Galicia e que nos aparecera aquí en Cedeira na primeira intervención arqueolóxica que se fai nun castro do noso Concello era algo que non nos imaxinabamos cando fixemos as primeiras sondaxes valorativas no verán do 2017. Precisamente aquelas primeiras sondaxes permitiron constatar tanto a aparición de varias estruturas de muros de vivendas de época castrexa nunha das catas realizadas no terreo de acceso á praia das Sonreiras, como un tramo da primeira muralla do castro cun aparello regular perfectamente conservado, na parcela municipal próxima ao camiño construído que leva á Punta Sarridal.

En decembro do 2017 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, financiou a escavación en área dunha superficie de 100 metros cadrados e o interese dos restos arquitectónicos descubertos na cata ampliada pegada á muralla motivaron que os traballos arqueolóxicos continuaran nesa ubicación. Un equipo de arqueólogos dirixidos por Emilio Ramil traballaron intensamente e loitando contra as condicións climatolóxicas desfavorables, auga, temporais de vento.. deixando ao descuberto gran parte dun monumento con forno de época galaico romana.

Na gravación e imaxes tomadas con dron por Alejandro Ramil que agora expoñemos, podemos observar os restos do que sería o forno semicircular, a cámara con piscina (a sauna de vapor) e a maior parte da antecámara que contaba cun gran banco adosado a un dos seus muros laterais. A pedra formosa, pedra ou laxa decorada e cunha pequena abertura na súa parte inferior, que iría colocada, facendo de muro e porta de acceso, entre a cámara e a antecámara, non apareceu in situ, é probable que fóra expoliada a partir de calquera momento no que o castro deixara de usarse como hábitat, ou pode que nas futuras intervencións arqueolóxicas que temos previsto facer no xacemento, apareza.

Invitámosvos a que vos acheguedes ao monumento a través, por agora, destas primeiras imaxes que vos permitirán valorar o noso patrimonio arqueolóxico, histórico e arquitectónico porque todo iso forma parte dun xacemento como este da Punta Sarridal. É o noso patrimonio pasado, presente e tamén futuro e é o noso deber, coñecelo, respectalo e conservalo.

María Xosé Rodríguez, concelleira de Cultura e Turismo de Cedeira

“Entre Arcos e Cantís” – Proxecto xeolóxico participado

“ENTRE ARCOS E CANTÍS” – PROXECTO XEOLÓXICO PARTICIPADO

No ano 2016, o Concello de Cedeira xunto co de Burela e co de Ribadeo, elaboramos un proxecto co que se pretendía achegar a riqueza xeolóxica dos tres municipios á maior cantidade de poboación posible tanto propia como foránea. Os tres Concellos contamos cunhas particularidades xeolóxicas especiais e secuenciadas do desenvolvemento xeolóxico da nosa costa. Isto sumado á proxección turística sostible do noso territorio en conxunto, foi o que propiciou a elaboración do proxecto “Entre Arcos e Cantís”, título co que pretendíamos englobar dende os famosos arcos da Praia das Catedrais, pasando polas formacións tamén presentes en Burela ata os espectaculares cantís cedeireses. No proxecto incluímos numerosas accións, dende a realización dun curso de guías locais do litoral, elaboración de inventario xeolóxico de cada un dos Concellos, unidades didácticas destinadas a distintos rangos de idade, rutas xeolóxicas, paneis explicativos, folletos, desenvolvemento dunha aplicación móbil, deseño dun portal web, programa de visitas guiadas dirixidas a centros escolares e tamén a elaboración de vídeos, un para cada Concello e outro en conxunto.

O desenvolvemento do proxecto Entre Arcos e Cantís, aínda que contou con financiamento propio, foi posible grazas á subvención que solicitamos ao GALP, a Xunta de Galicia e a Unión Europea, Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Subvención bienal que comprendeu os anos 2016 e 2017 e que nos permitiu iniciar un camiño no que seguiremos traballando. Unha das acción desenvolvidas con máis éxito foron as xeorutas guiadas, dirixidas e executadas polo doutor en xeoloxía Fran Canosa; no noso Concello comezamos con tres realizadas na semana santa e o verán do 2016 e ampliamos a catro no 2017 xa que a demanda das mesmas así o esixía e neste 2018 continuaremos a ofrecelas nas mesmas datas.

Anímovos a que vexades os dous vídeos, un só de Cedeira cunha gravación dos nosos cantís feita cun dron e o outro no que aparecen os tres Concellos e no que disfrutaredes e coñeceredes toda a riqueza xeolóxica que temos coas explicacións de Fran Canosa que acompañan ás imaxes. Temos un patrimonio xeolóxico impresionante e é labor de todas e todos cuídalo e respétalo.

María Xosé Rodríguez, Concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Cedeira.

Acabado o proceso de derruba comeza a construcción das novas estructuras na biblioteca de Cedeira

ACABADO O PROCESO DE DERRUBA COMEZA A CONSTRUCIÓN DAS NOVAS
ESTRUTURAS NA BIBLIOTECA DE CEDEIRA

O goberno de Cedeira mantén o prazo do mes de maio para ver rematadas as obras de accesibilidade que se están a acometer na biblioteca municipal e que motivaron o traslado do servizo de lectura e consulta ao Palacete municipal.
A empresa contratada, Prace, Servicios y Obras SA, xa deu por finalizado o proceso de retirada de entullo, incluído o xerado pola demolición da casa lindeira á biblioteca, e agora está a traballar na construción da estrutura, espezando polo oco do ascensor, que pasará a ocupar o espazo que deixou baleiro a vivenda. A fonte da Pixana tamén foi tapiada que garantir a súa conservación.

O proxecto, adxudicado por 207.696,26 euros, consistirá na instalación e posta en funcionamento dun novo ascensor, na reforma da planta baixa -antes ocupada polo Xulgado de Paz-, na apertura dun novo acceso peonil desde a rúa Consistorio e na habilitación dunha sala máis de estudo. A actuación tamén inclúe a mellora da iluminación existente coa colocación de lámpadas tipo led, así como na colocación de novas estanterías, a reparación das actuais, a instalación dun sistema contra incendios e a construción dun aseo para persoas con discapacidade na primeira planta.

O goberno municipal recoñece que a realización das obras agora en proceso de execución está entre as prioridades fixadas para o presente mandato por tratarse dun servizo moi demandado pero que tamén estaba a necesitar un gran cambio, sobre todo no relativo á accesibilidade.