Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

A liga de fútbol sala “Vila de Cedeira” reúne a 35 equipos, dos que 27 son infantís e 8 séniors

A LIGA DE FÚTBOL SALA “VILA DE CEDEIRA” REÚNE A 35 EQUIPOS,DOS QUE 27 SON INFANTÍS E 8 SÉNIORS

O Concello de Cedeira puxo en marcha un ano máis, e xa van trinta e seis, a Liga de Fútbol Sala “Vila de Cedeira”, unha competición con moito arraigamento na contorna e mesmo na provincia e que reúne desta volta a un total de 35 equipos, dos que 27 son infantís e 8 séniors.

Trátase da participación máis elevada acadada ata o de agora, xa que o número de xogadores triplica o anterior, tal e como se pon de manifesto desde o equipo de goberno. O executivo local valora esta resposta e invita á veciñanza e visitantes a presenciar os partidos que se celebran os luns, mércores e venres no pavillón polideportivo, a partir das seis da tarde. A entrada é libre e gratuíta.

A competición, que remará o día 7 de agosto, está a enfrontar a formacións de Cedeira, Ortigueira, Caranza e As Pontes, así como outras con xogadores da Coruña e Santiago de Compostela. Na liga sénior, participada exclusivamente por equipos locais, competirán os integrantes de A Traíña, Newti, Noroeste Galaico, A Tenda de Rosario, Café Bar O´Horreo, Pezones Negros, La Bodeguilla e Habichuelas.

A celebración deste ano trouxo como principal novidade a incorporación dunha categoría feminina, ás xa habituais masculina e mixta, pola presenza cada vez máis numerosa das mulleres tamén nesta modalidade deportiva de fútbol sala.

A IV Edición do festival de verán da rondalla de Cedeira será este sábado e actuarán cinco formacións

A IV EDICIÓN DO FESTIVAL DE VERÁN DA RONDALLA DE CEDEIRA SERÁ ESTE SÁBADO E ACTUARÁN CINCO FORMACIÓNS

O Festival de Verán organizado pola Rondalla de Cedeira chega este ano á súa cuarta edición coa cita que terá lugar este sábado, día 20, no auditorio municipal. Será a partir das 20.00 horas e a entrada é libre e gratuíta.

Nesta ocasión, a agrupación local estará arroupada pola Coral Airiños de Caranza, a Polifónica de Cariño, a Rondalla Sonidos del Alba e o grupo As Aturuxeiras da vila de Cedeira. Todas as formacións participantes interpretarán un total de catro cancións que, no caso da Rondalla cedeirense, serán “Amor no me quieras tanto”, “Vagabundo”, “Caminito” e “Quién será”.

A agrupación local está integrada por un total de trinta persoas, na súa maioría mulleres. A parte instrumental corre a cargo de cinco guitarras e un laúde, mentres que as voces suman máis de vinte.

José López Lorenzo é a persoa que, ademais de formar parte da rondalla, tamén está ao fronte da mesma en calidade de presidente.

O primeiro centro de ocio xuvenil de Cedeira abre mañá as súas portas en horario de 11.00 a 14.00 horas

O PRIMEIRO CENTRO DE OCIO XUVENIL DE CEDEIRA ABRE MAÑÁ AS SÚAS PORTAS EN HORARIO DE 11.00 A 14.00 HORAS

O Concello de Cedeira inaugura mañá o centro de ocio xuvenil que, situado na antiga estación de autobuses, reúne as cualidades e características adecuadas para se converter en lugar de encontro e reunión da mocidade local.

A partir de agora, os mozos e mozas de Cedeira terán a posibilidade de utilizalos de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 horas. Cara ao inverno, o goberno xa contempla a posibilidade de amplialo durante ás fins de semana.

O investimento municipal superou os 25.000 euros e a posta en funcionamento do local, prevista inicialmente para maio, tivo que ser aprazada como consecuencia dos danos e roubos de televisores e videoconsolas que uns descoñecidos causaron durante a madrugada do día 21 do devandito mes.

Previamente, o executivo local tiña xestionado ante a Dirección Xeral de Mobilidade a reversión dunha propiedade de levaba anos abandonada pero moi adecuada para os fins que pasarán a desempeñar a partir de agora. A reforma integral das instalacións, desde os servizos ata o chan e paredes, así como a compra dun mobiliario adecuado e a reposición dos equipos roubados fan que o novo centro de ocio xuvenil de Cedeira sexa un lugar atractivo para a mocidade local.

Visitas ao Castelo Concepción

Tamén para mañá mércores o goberno municipal de Cedeira programa o inicio das visitas guiadas ao castelo da Concepción, unha antiga construción defensiva que, ao longo dos meses de verán, poderase coñecer en horario de mañá e tarde. Así, os interesados terán que facelo de martes a domingo entre as 10.30 e as 20.00 horas. Trátase dunha iniciativa municipal de carácter gratuíto.