Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O primeiro centro de ocio xuvenil de Cedeira abre mañá as súas portas en horario de 11.00 a 14.00 horas

O PRIMEIRO CENTRO DE OCIO XUVENIL DE CEDEIRA ABRE MAÑÁ AS SÚAS PORTAS EN HORARIO DE 11.00 A 14.00 HORAS

O Concello de Cedeira inaugura mañá o centro de ocio xuvenil que, situado na antiga estación de autobuses, reúne as cualidades e características adecuadas para se converter en lugar de encontro e reunión da mocidade local.

A partir de agora, os mozos e mozas de Cedeira terán a posibilidade de utilizalos de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 horas. Cara ao inverno, o goberno xa contempla a posibilidade de amplialo durante ás fins de semana.

O investimento municipal superou os 25.000 euros e a posta en funcionamento do local, prevista inicialmente para maio, tivo que ser aprazada como consecuencia dos danos e roubos de televisores e videoconsolas que uns descoñecidos causaron durante a madrugada do día 21 do devandito mes.

Previamente, o executivo local tiña xestionado ante a Dirección Xeral de Mobilidade a reversión dunha propiedade de levaba anos abandonada pero moi adecuada para os fins que pasarán a desempeñar a partir de agora. A reforma integral das instalacións, desde os servizos ata o chan e paredes, así como a compra dun mobiliario adecuado e a reposición dos equipos roubados fan que o novo centro de ocio xuvenil de Cedeira sexa un lugar atractivo para a mocidade local.

Visitas ao Castelo Concepción

Tamén para mañá mércores o goberno municipal de Cedeira programa o inicio das visitas guiadas ao castelo da Concepción, unha antiga construción defensiva que, ao longo dos meses de verán, poderase coñecer en horario de mañá e tarde. Así, os interesados terán que facelo de martes a domingo entre as 10.30 e as 20.00 horas. Trátase dunha iniciativa municipal de carácter gratuíto.